publicidade hoxe

A Xunta renova a súa colaboración con Cáritas co obxectivo de avanzar cara a unha sociedade máis xusta e solidaria

Visita do director xeral de Inclusión Social ás instalacións de Cáritas Santiago

Visita do director xeral de Inclusión Social ás instalacións de Cáritas Santiago

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, garantiu esta mañá a continuidade do apoio da Xunta de Galicia ao traballo diario a pé de campo coas persoas e familias máis desfavorecidas que desenvolve Cáritas. Fíxoo nunha visita ás instalacións da entidade na cidade compostelá, durante a que salientou que a Administración autonómica concedeu a Cáritas Diocesana de Santiago unha nova achega económica de 640.000 euros para as anualidades 2018-2020.

Arturo Parrado explicou que esta contía ten por obxecto contribuír ao mantemento de diferentes recursos que ten en marcha Cáritas na Coruña, Carballo, Pontevedra, Santiago e Vilagarcía, como albergues, casas de acollida, comedores ou centros de atención social, ente outros. Tamén servirá para financiar programas de apoio á integración socio-laboral e accións formativas en competencias clave, informática e alfabetización dixital, principalmente.

Ademais, o director xeral manifestou que o Goberno galego comparte coas entidades como Cáritas o obxectivo de avanzar cara a unha sociedade na que toda a xente teña as mesmas oportunidades e ninguén quede ao marxe. Ao respecto, insistiu na importancia de continuar adiante coa colaboración e coordinación entre administracións e co tecido asociativo, coa finalidade de que as políticas sociais sexan verdadeiramente eficaces e cheguen ás persoas e fogares que realmente as precisan.

Na súa intervención, Arturo Parrado trasladou o recoñecemento da Xunta ao labor que realizan as cinco Cáritas Diocesanas de Galicia, resaltando a calidade do traballo desenvolvido polos seus profesionais e voluntarios.

Por último, destacou que a pesar de que a situación económica hoxe é mellor, os orzamentos do Executivo autonómico para este ano 2019 na área de inclusión social volven medrar ata acadar os 119 millóns de euros, un 70% máis do que a Xunta destinaba a loita contra a pobreza e a exclusión hai unha década.

17 de xaneiro de 2019 | 16:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.