publicidade hoxe

A Xunta recepciona o primeiro tramo de mellora da estrada PO-235 entre Antas e Seixido na Lama

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LamaLocal PortadaPontevedra
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello da Lama onde a administración autonómica acaba de recepcionar as obras da primeira fase da estrada PO-235 entre Antas e Seixido.

Na visita estivo acompañado do alcalde da localidade, Jorge Canda, así como do xefe territorial de Infraestruturas e Mobilidade, José Luis Díez, e o xefe do Servizo da Axencia Galega de Infraestruturas de Pontevedra, Fausto Núñez.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra recordou que as obras desta primeira fase contaron cun orzamento de 450.000 euros e permitiron actuar ao longo de case un quilómetro, co fin de ampliar a estrada ata acadar un ancho de oito metros, mellorando as curvas, co fin de mellorar a seguridade viaria e a comodidade na circulación.

Estes traballos comprenderon a ampliación transversal de dous pontóns situados nos puntos quilométricos 15+630 e 17+300, para acadar un ancho de 8 metros, o que permitirá ampliar a calzada e dispoñer de beiravías. Ademais, mellorouse o trazado das curvas de acceso aos ditos pontóns, ampliando lixeiramente o seu radio.

Por outra banda, tamén se acondicionou a estrada desde a saída do pontón do punto quilométrico 17+300 ata o final da vía, no núcleo de Seixido. Neste punto ampliouse a sección transversal e estendeuse no firme unha nova capa de rodadura, procedéndose a repoñer a rede de saneamento no núcleo de Seixido, que se veu afectada pola obra e a disposición de sinalización horizontal, vertical e de balizamento e defensas.

Segunda fase

Ademais, o delegado territorial tamén quixo recordar que se atopa xa a exposición pública a segunda fase de mellora desta estrada para que se poidan presentar alegacións ata o 4 de febreiro. Esta nova fase permitirá aumentar a reforma da PO-235 ao longo dun total de seis quilómetros.

O proxecto define as obras necesarias para completar o ensanche desta estrada dende o punto quilométrico 11+870 en Antas ata o 18 en Seixido. Nesta segunda fase, executarase o ensanche da estrada pasando a plataforma dos 5 metros actuais aos 6,5 e rectificándose varias curvas. Tamén cabe salientar que esta obra está moi condicionada pola orografía e polo feito de que a estrada bordea a Serra do Cando. O seu orzamento rolda o 1,5 millón de euros.

16 de xaneiro de 2019 | 16:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.