publicidade hoxe

A Xunta presenta a primeira guía de viaxes que busca dar a coñecer Galicia a través das súas árbores senlleiras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada esquerda
A-
A+
Presentación da guía de viaxes en Fitur

Presentación da guía de viaxes en Fitur

A Consellería de Medio Ambiente dará a coñecer Galicia a través dunha particular guía de viaxes centrada en difundir os valores naturais da comunidade a través das súas árbores máis senlleiras e relevantes. O documento, que vén de editar a Xunta e foi presentado esta mañá na Feira Internacional de Turismo (Fitur) pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, inclúe unha escolma cos 50 exemplares e formacións arbóreas más notables incluídos no catálogo galego de árbores senlleiras, un rexistro creado hai 12 anos pero en constante actualización.

A guía de viaxes das árbores e formacións senlleiras é a primeira destas características que se edita en Galicia e, como explicou a conselleira, o seu obxectivo é contribuír á divulgación e difusión da riqueza natural da comunidade tanto entre os propios galegos como entre os visitantes procedentes doutros puntos do país ou do estranxeiro.

Para logralo, o documento incorpora información detallada e actualizada sobre cada un dos exemplares, con fotografías e unha completa ficha técnica, así como rutas específicas que combinan o interese científico coas posibilidades que ofrecen estes encraves para gozar da natureza, e información de utilidade para o viaxeiro, con datos sobre a oferta cultural, turística e gastronómica de cada zona. Por último, tamén inclúe unha pequena guía de boas prácticas e consellos para garantir unhas visitas sostibles sen renunciar á experiencia de poder coñecer de cerca estas árbores.

A guía de viaxes foi concibida, neste sentido, como un “produto turístico” que axude a preservar os nosos recursos pola vía do coñecemento e a promoción dun dos elementos máis identificativos da comunidade: as súas árbores. “As árbores están no ADN de Galicia, son auténticos monumentos vivos e con identidade propia que é necesario protexer”, xustificou Vázquez Mejuto durante a presentación da guía no stand de Galicia en Fitur.

Así, a conselleira explicou que o medio cento de árbores e agrupacións incluídas na mesma resaltan entre o resto de exemplares do catálogo –que ten en total 188 elementos pertencentes a 75 especies distintas- pola súa singularidade, envergadura, antigüidade ou outras características especiais, que os converten nos máis representativos de entre todos os existentes en Galicia.

Aplicando estes criterios, na escolma feita na guía figuran exemplares tan coñecidos e emblemáticos como a retícula de oliveiras do Pazo de Santa Cruz, un conxunto con máis de 500 exemplares localizado no Concello de Vedra (A Coruña); a impoñente sobreira da Casa do Tristo, en A Pobra do Brollón (Lugo); a secuoya vermella do Castelo de Soutomaior, en Pontevedra, que cos seus 41,5 metros é a máis grande desta especie en Galicia; ou o popular eucalipto O Avó, emprazado no Souto da Retorta, en Viveiro, un espazo declarado monumento natural no ano 2002.

Promoción do patrimonio natural

A guía de viaxe das árbores e formacións senlleiras enmárcase nos obxectivos do Plan de promoción e posta en valor do patrimonio natural, unha iniciativa pioneira impulsada polo actual Goberno galego e ao que se destinarán 4 millóns de euros co triplo obxectivo de realizar novas actividades, recursos e melloras para a posta en valor dos espazos naturais; promocionar e difundir o seu coñecemento dentro e fóra de Galicia; e promover a educación ambiental como ferramenta para garantir a súa conservación.

Esta aposta da Xunta polo turismo sostible, tal e como defendeu a conselleira na súa intervención, vén xustificada polo feito de que se trata dunha boa forma de garantir a máxima protección dos espazos naturais pola vía da súa posta en valor, coñecemento e enriquecemento.
Por iso, avogou por compatibilizar o obxectivo prioritario de conservación deste patrimonio co seu aproveitamento turístico, que contribúe á dinamización económica das áreas xeográficas que rodean estes espazos, consolidando a imaxe da comunidade como destino turístico verde e sostible.

Neste sentido, Vázquez Mejuto referiuse ao patrimonio natural como un dos “principais atractivos” de Galicia, tanto pola súa abundancia como polo excelente grao de conservación que presentan. Así, cifrou en 96 os enclaves que conforman a actual rede de espazos naturais protexidos da comunidade, salientando dentro dela o parque nacional das Illas Atlánticas, a “xoia da coroa” do noso patrimonio; os 6 parques naturais; os 5 humidais protexidos; os 8 monumentos naturais; ou as 59 zonas de especial conservación (ZEC).

Candidatura a patrimonio mundial da Unesco

As Illas Atlánticas foron outra das protagonistas da xornada no stand de Galicia en Fitur, que acolleu un acto centrado na súa candidatura a patrimonio mundial da Unesco, unha distinción á que aspiran tamén en Galicia a Ribeira Sacra e a cidade de Ferrol. Concretamente, Ángeles Vázquez centrou a súa intervención na defensa dos valores que concentran as Illas Atlánticas, o único parque nacional da comunidade e que desde hai dous anos opta oficialmente a ser declarado patrimonio mundial na categoría de ben natural.

Tal e como lembrou a conselleira, a súa candidatura “cumpre sobradamente” con todos os criterios de selección establecidos polo Comité de Patrimonio Mundial da Unesco. Así, referiuse ao acreditado valor universal e excepcional das Illas Atlánticas, baseado na riqueza patrimonial que atesouran –34 hábitats de interese comunitario, 158 especies protexidas, e uns fondos mariños únicos no mundo-; á súa integridade territorial, formada por catro arquipélagos pero cun espazo de xestión único que impulsa a protección e conservación de todos os seus hábitats; e aos niveis de protección específicos dos que xa dispón, integrado nas redes de áreas protexidas tanto a nivel galego, como español, europeo e ata mundial.

A recente aprobación do Plan Reitor de Usos e Xestión (PRUX) do parque nacional, pendente tan só da súa próxima publicación no DOG, supón tamén un novo e importante avance de cara a conseguir a declaración como Patrimonio da Humanidade das Illas Atlánticas de Galicia, un espazo que só o ano pasado visitaron preto de 490.000 persoas.

Así o salientou a responsable de Medio Ambiente da Xunta, quen incidiu na necesidade de seguir traballando no coidado e protección da “maior xoia natural” da comunidade con todas as ferramentas ao seu alcance pero sen esquecer a necesidade de “proxectala” e dala a coñecer ao mundo. Un obxectivo no que se basea a candidatura “gañadora” presentada pola Xunta, co aval de varias institucións europeas e seguindo todos os pasos precisos, en tempo e forma, para recibir o recoñecemento final da Unesco.

23 de xaneiro de 2019 | 19:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.