publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta investiu 50.000 euros na mellora das infraestruturas viarias no polígono das Gándaras no Porriño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO PorriñoPortada dereita
A-
A+

O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, desprazouse hoxe ata a localidade pontevedresa do Porriño para coñecer de primeira man o resultado da inversión de máis de 50.000 euros na mellora das infraestruturas viarias no Polígono das Gándaras. A Consellería de Economía, Emprego e Industria asumiu o pago do 70% deste proxecto.

Na visita, na que tamén acudiu o xefe territorial da Consellería de Economía e Emprego, Ignacio Rial, e o concelleiro de Industria e Comercio, Marcelino Coto, en representación do goberno municipal, o representante autonómico comprobou que o investimento permitiu repoñer a capa de rodadura no vial da fase 1 do devandito polígono industrial. Unha actuación que respondeu a necesidade de reforzar o firme, visiblemente deteriorado polo paso continuo de camións.

Esta actuación forma parte da orde de axudas a través da cal a Xunta aprobou no 2018 5 proxectos, cun investimento subvencionable na área territorial de Vigo de preto de 500.000 euros. Tres deles localizados no Porriño (A Granxa, Prado-Budiño e As Gándaras), un en Nigrán (Porto do Molle) e outro en Gondomar (A Pasaxe). De todos eles, unicamente o das Gándaras no Porriño cumpriu os requisitos da subvención, mentres que no resto dos casos foi revocada, ben por non xustificar os gastos do proxecto, por pagar fóra do prazo estipulado ou por executar menos do 50% da base subvencionable.

O delegado territorial recordou que con esta liña de axudas, que se suma ás impulsadas polas diferentes consellerías, a Xunta segue mantendo o seu compromiso cos gobernos locais e o desenvolvemento das súas infraestruturas, co fortalecemento do tecido empresarial e industrial da Comunidade e co apoio ao emprendemento. Liña que, dixo, encaixan coas medidas promovidas pola Lei de implantación empresarial para favorecer a captación de novos investimentos para Galicia.

López-Chaves aproveitou a ocasión para recordar que xa está aberto, ata o próximo 11 de febreiro, o novo prazo de solicitude para que os concellos opten ao financiamento para mellorar os polígonos. Segundo informou, o Goberno galego destina en 2019 a esta actuación máis de 4 millóns de euros cos que prevé apoiar 54 proxectos e xerar 104 empregos no conxunto da Comunidade. Estímase que o investimento mobilizado supere os 5,2 millóns.

A Xunta financia a través desta actuación, ata un máximo do 80% do custo global dos proxectos, os plans presentados polos concellos para implantar nos parques empresariais plantas de depuración de augas, incluídos os colectores con verquido á depuradora municipal e/ou instalar sistemas de seguridade e vixilancia, de protección destinados á loita contra incendios e contra o roubo de cable. Tamén apoiaranse proxectos referidos á mellora de infraestruturas viarias, tanto de acceso como interiores, así como a xestión de residuos. En todos os casos financiaranse tamén os gastos de redacción do proxecto e de dirección da obra. A axuda máxima será de 120.000 euros por solicitude, que alcanzará os 138.000 euros para os concellos procedentes de fusións ou agrupacións de concellos.

Á hora de valorar as solicitudes terase en conta, entre outros, a superficie do parque, o seu nivel de ocupación, a poboación do concello no que se atopa o polígono e se as solicitudes proceden de Concellos Emprendedores, fusionados ou agrupados.

Desde o 2009 e ao abeiro desta orde de axudas tense subvencionados 502 proxectos en 149 parques industriais de 122 concellos galegos cun investimento de 35 millóns de euros.

Viveiros industriais

Asemade, cómpre lembrar que desde o pasado 16 de xaneiro e ata o 15 de febreiro está aberto o prazo de solicitude para financiar a creación de viveiros industriais en parques empresariais. A Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá máis de 1,5 millóns de euros nesta actuación coa que apoia todos os gastos necesarios para a construción, reforma e/ou equipamento interior de naves industriais co fin de crear un viveiro empresarial, incluídos os custos para a redacción do proxecto e de dirección de obra. O financiamento alcanzará como máximo o 80% do custo total do proxecto, sendo o límite do apoio de 240.000 euros por solicitude.

Nos criterios de valoración teranse en conta, entre outros, a superficie do parque, o seu nivel de ocupación, a poboación do concello no que se atopa o parque, o modelo de xestión do viveiro e se a solicitude parte dun Concello Emprendedor.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria prevé apoiar con esta iniciativa a creación de sete viveiros e estima que se xeren 40 empregos e que o investimento mobilizado alcance os 2 millóns de euros.

22 de xaneiro de 2019 | 16:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.