publicidade hoxe

A Xunta construirá unha senda peonil entre A Picota e Nogueiras para facilitar a mobilidade e incrementar a seguridade viaria na contorna

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAbegondoLocal PortadaPortada dereita
A-
A+
Ethel Vázquez na reunión co alcalde de Abegondo

Ethel Vázquez na reunión co alcalde de Abegondo

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, vén de asinar co alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, un convenio de colaboración para a construción dunha senda peonil entre A Picota e Nogueiras, na estrada AC-542, co fin de facilitar a mobilidade dos veciños.

O Goberno galego, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, financiará esta actuación mediante a achega dun investimento duns 47.000 euros.

O proxecto contempla a construción dunha senda na marxe esquerda da estrada AC-542, en sentido Mesón do Vento, entre os puntos quilométricos 12+067 e 12+456. A intervención complétase coa instalación dunha cuneta revestida de formigón e rede de recollida de augas pluviais.

A execución deste itinerario suporá dotar a zona dunha senda segura para o tránsito peonil, pois na actualidade esta estrada carece no citado tramo dunha infraestrutura axeitada para a mobilidade dos veciños.

O Executivo autonómico, mediante este tipo de actuacións, pretende protexer e incrementar a seguridade de peóns, posto que son usuarios vulnerables das estradas. Ademais, estes itinerarios tamén buscan promover unha mobilidade máis sustentable para facer os desprazamentos cotiás.

No que se refire ás obrigas establecidas no convenio, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade contratará e executará a obra e o Concello de Abegondo cederá os terreos necesarios e asumirá a titularidade da senda unha vez acometida.

10 de xaneiro de 2019 | 16:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.