publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta aumentará en 35.000 euros os gastos en peritaxe dos danos causados pola explosión de Paramos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPortada dereitaTui
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou esta mañá que a Xunta de Galicia investirá 35.000 euros máis nos labores de peritaxe dos danos causados pola explosión de Paramos, en Tui. Inicialmente, xa investira máis de 228.000 euros, ás que agora se suma esta nova contía que vén a financiar os últimos traballos realizados en resposta ás demandas do xulgado.

Tal e como indicou o delegado territorial, “este incremento débese, fundamentalmente, á análise que se realizou dos danos ocasionados nas redes de servizos, que requiriron dunha valoración detallada e exhaustiva”. A análise realizouse nas redes de abastecemento, saneamento, alumeado, electricidade, telefonía e viaria e mobiliario urbano.

Ademais, este novo investimento tamén se debe ás últimas análises realizadas, que detectaron un maior número final de edificacións danadas que as inicialmente previstas. Así, o número total ascende a 367, isto é, 16 máis das que se estimaban inicialmente, xa que as primeiras estimacións falaban de 331 edificacións na zona e outras 20 en Portugal.

O incremento na cifra de parcelas afectadas é froito dos traballos de análise realizados polos peritos, logo de cotexar os distintos listados dos que se dispuxeron: o inicial do concello; o presentado polo xulgado segundo as reclamacións presentadas; o da plataforma de afectados; e o das denuncias das autoridades policiais portuguesas. A partir destes listados, os técnicos realizaron un labor de identificación dos inmobles realmente afectados, eliminaron duplicidades entre listados, vincularon os inmobles cos diferentes afectados e separaron outro tipo de danos como os producidos en vehículos. Estes últimos, 70 coches afectados en total, recibiron unhas axudas que roldan os 2.200 euros.

A maiores, cabe tamén destacar que a Consellería de Medio Ambiente xa recibiu 25 solicitudes para axudas destinadas ao aloxamento provisional das persoas cuxas vivendas resultaron danadas, das cales aprobáronse 23, por un importe total de 116.385 euros dos que xa foron aboados 51.338 euros.

Ademais, tamén se concederon un total de 3,12 millóns de euros de axudas para sufragar os gastos en vivendas danadas e no seu enxoval doméstico, dos cales xa foron aboados 2,4 millóns de euros. En total se concederon 122 solicitudes das 132 presentadas. Tal e como concluíu Cores Tourís, “as solicitudes que aínda non están resoltas, corresponden na súa gran maioría a expedientes incompletos”.

16 de xaneiro de 2019 | 16:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.