publicidade hoxe

A Xunta aposta pola coordinación entre o Goberno central e as comunidades autónomas para facer fronte aos efectos do Brexit

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorPortada esquerda
A-
A+

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe en Madrid na reunión do pleno da Conferencia para Asuntos Relacionados coa Unión Europea (CARUE), que tivo como obxectivo principal abordar o deseño de medidas de continxencia ante o Brexit.

Durante o encontro, presidido pola ministra de Política Territorial e Función Pública, Meritxell Batet, apostou pola coordinación entre o Goberno central e as comunidades autónomas como elemento fundamental para facer fronte aos posibles efectos que poida ter a saída do Reino Unido da Unión Europea.

Ademais, tamén trasladou a preocupación do Goberno galego polas repercusións que esta circunstancia poida ter sobre as persoas e sobre sectores tan fundamentais para a comunidade como a pesca. Por iso, reclamou do Goberno central información fluída sobre a marcha das negociacións, así como tamén demandou maior concreción nas futuras medidas a poñer en marcha.

Actualmente, e especialmente tras os últimos acontecementos, o escenario do Brexit preséntase como incerto e cambiante, polo que Galicia fixo fincapé en que as medidas a adoptar tamén deben ser dinámicas, en tanto é preciso estar preparado ante calquera posibilidade.

Aínda que as negociacións relativas ao Brexit estanse a producir a nivel europeo e entre países, Galicia leva tempo adoptando un papel activo para defender os intereses da comunidade autónoma e dos seus habitantes. Neste sentido, está a realizar un intenso seguimento do proceso, ademais de estudos e análises para analizar as súas posibles repercusións.

Do mesmo xeito, está a desenvolver un papel activo en distintos foros europeos. Así, por exemplo, Galicia coordina un grupo de traballo específico dentro da Comisión do Arco Atlántico; vén desenvolvendo un papel moi activo no Comité Europeo das Rexións, organismo que traballa para resaltar a repercusión que podería ter o Brexit en municipios e rexións; asinou un memorando de cooperación co País de Gales para tentar mitigar os seus efectos; e creou o Foro Galego do Brexit, un observatorio para seguir todo este procedemento e as súas posibles consecuencias.

24 de xaneiro de 2019 | 17:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.