publicidade hoxe

A Xunta apoiou aos profesionais do sector agrogandeiro da Mariña luguesa con axudas por máis de 4,1 millóns de euros no último ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A Consellería do Medio Rural apoiou aos profesionais do sector agrogandeiro da Mariña luguesa con axudas directas que superaron os 4,1 millóns de euros durante o último ano.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, fixo balance das axudas aprobadas na comarca durante a visita a unha explotación gandeira de Remourelle, no municipio de Ribadeo, que aposta pola produción de carne de boi e vaca rubia galega en ecolóxico.

Segundo apuntou o delegado, as achegas distribuíronse en catro grandes liñas, entre elas as que permitiron financiar 10 expedientes de plans de mellora para granxas e outros 11 de apoio a pequenas explotacións, así como os fondos para incentivar a incorporación de 8 mozos e mozas á actividade agraria na Mariña.

Precisamente a muller titular da explotación gandeira á que acudiu Balseiro iniciou a súa actividade anos atrás optando a unha axuda da Xunta para nova incorporación ao sector e de xeito complementario beneficiouse nos últimos anos doutros apoios para produción ecolóxica, “apreciada polos consumidores e cada vez máis en auxe”, dixo o delegado.

Segundo salientou Balseiro, este tipo de granxas representa un exemplo “da actividade que pretende impulsar a Xunta no sector primario galego, con producións de calidade que aportan valor engadido e que se abren paso nun mercado no que hai marxe para traballar e para incrementar a rendibilidade dos gandeiros”.

O delegado explicou finalmente que entre os gastos subvencionables dentro destas liñas de axudas de convocatoria anual figuran a compra de nova maquinaria, gastos para a elaboración de proxectos técnicos de construción ou reforma das explotacións, permisos, licenzas, plantación e mellora de cultivos, compra de novos terreos e adquisición ou desenvolvemento de programas informáticos. Ademais, tamén se apoia economicamente a incorporación de mozos ás actividades agrarias e gandeiras, co fin de fomentar o relevo xeracional nas explotacións.

8 de xaneiro de 2019 | 19:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.