publicidade hoxe

A Xunta apoia con 135.000 euros a contratación de 11 técnicos de emprego nos concellos da área territorial de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortada dereitaVigo
A-
A+

A Xunta apoia con máis de 135.000 euros a contratación de 11 axentes de emprego en outros tantos concellos da área territorial de Vigo. Unha cantidade que se eleva aos 3,25 millóns de euros e 247 axentes especializados na promoción do emprego no conxunto da Comunidade, co obxectivo de seguir impulsando a Rede de Técnicos de Emprego de Galicia.

A finalidade desta actuación é contribuír á dinamización e xeración de novas actividades empresariais no ámbito local e rural e á inserción laboral de persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social. Neste último senso, tamén se concederon axudas para apoiar a contratación de 9 unidades de apoio.

No que atinxe a área territorial de Vigo, os concellos beneficiarios desta liña de axudas que vén de resolver a Consellería de Economía, Emprego e Industria son Salvaterra do Miño, Moaña, Nigrán, Gondomar, Salceda de Caselas, Redondela, Baiona, Soutomaior, Fornelos de Montes, Pazos de Borbén e a Mancomunidade área de Vigo. No seu conxunto representan o 24% do importe total concedido na provincia de Pontevedra (569.937,22 euros) e un 22% no caso dos traballadores asignados. No caso da Deputación de Pontevedra se lle concedeu a prórroga dun técnico de emprego.

O Goberno galego destina máis de 135.000 euros para apoiar nestes concellos a contratación de 11 axentes de emprego e desenvolvemento local (AEDL) que colaboran na implantación das políticas activas de emprego relacionadas coa creación de actividade empresarial. O traballo destas persoas consiste fundamentalmente en axudar ás empresas a desenvolver os seus proxectos, o que contribúe a impulsar a aposta do Goberno galego por fixar poboación no rural.

A contía máxima dos apoios que se concederon por cada axente é de 27.046 euros anuais. Para a resolución destas axudas tívose en conta a media de paro rexistrado no ano 2017 no concello que solicitou o apoio.

Outras das funcións que realizan os axentes de emprego son o acompañamento técnico no inicio de proxectos, asesorando e informando sobre a viabilidade técnica, económica e financeira e o apoio aos promotores das empresas, unha vez constituídas, ademais de ofrecerlles asesoramento técnico durante as primeiras etapas de funcionamento mediante a aplicación de técnicas de consultaría en xestión empresarial e asistencia nos procesos formativos para contribuír á boa marcha das compañías creadas.

O impulso da Rede de Técnicos de Emprego de Galicia forma parte da Axenda 20 coa que o Goberno galego está estimulando a creación de emprego estable e de calidade. O impulso da Rede tamén se enmarca na aposta do Goberno galego polo emprendemento.

14 de xaneiro de 2019 | 16:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.