publicidade hoxe

A Xunta amplía en preto dun 70% a dotación do Plan de infraestruturas educativas e a súa vixencia ata 2021

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe, na rolda de prensa de Consello, a ampliación da dotación e do período de vixencia do Plan de infraestruturas educativas co obxectivo de seguir avanzando na renovación e na adaptación ás novas necesidades e requirimentos enerxéticos dos centros de ensino público. De tal forma que o plan se ampliará un ano máis, ata 2021, e a contía, que inicialmente era de 118 M€, incrementarase ata os case 200 M€, o que supón un crecemento de preto do 70%, engadiu.

O desenvolvemento do Plan ata 2021 contempla actuacións de obra nova por un importe de 45,5 M€, coa construción de novos centros educativos en Ames, Arteixo, e Vilalonga, no concello de Sanxenxo. Tamén a continuación das obras de renovación do CIFP Carlos Oroza, en Pontevedra e as ampliacións do CEIP Lamas de Abade, en Santiago; do IES Sanxillao, en Lugo; do IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez, na Estrada, do IES Aquis Celenis, en Caldas e do IES de Salvaterra de Miño. E, finalmente, dixo, “Galicia contará cunha das iniciativas máis ambiciosa no ámbito da Formación Profesional” coa creación do Centro de Innovación de FP en Ourense cofinanciado coa Deputación e cun investimento de 3,5 M€ e un equipamento de 1,5M€.

O titular da Xunta proseguiu a súa intervención repasando as actuacións levadas a cabo ata o momento en virtude do dito plan, que deu comezo en 2016. Así, dos máis de 93,8 M€ executados nestes 3 primeiros anos, 30,7M€ destináronse a obra nova executada, á ampliación doutros 11 centros e a melloras noutros 2, beneficiando a máis de 10.000 estudantes, abundou. En obras para mellorar a eficiencia enerxética investíronse, subliñou, 14M€.

Outros 39,1 M€ destináronse a reformas de ampliacións e melloras con 1572 actuacións dirixidas, principalmente, ás cubertas dos centros e a traballos de acondicionamento. E, Finalmente, os preto de 10M€ restantes destináronse a actuacións de mellora funcional, integración e sinaléctica.

Feijóo concluíu a súa intervención destacando que cando o plan estea culminado na súa totalidade teranse acometido actuacións en 116 centros educativos galegos das que se beneficiarán 33.000 alumnos de 72 concellos.

17 de xaneiro de 2019 | 17:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.