publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Rede Galega de Teatros e Auditorios achega 20 funcións de 10 compañías á programación de artes escénicas de Santiago

A nova programación de artes escénicas de Santiago ofreceralle ao público compostelán 25 espectáculos, dos que 10 chegan á cidade a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA), o circuíto de exhibición que a Consellería de Cultura e Turismo promove a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e en colaboración coas entidades locais xestoras dos seus 40 espazos asociados. No caso de Compostela, durante esta primeira metade do ano serán 20 as funcións das devanditas 10 compañías –todas elas galegas– que terán lugar no Teatro Principal como escenario adscrito á RGTA.

O director xeral de Políticas Culturais da Xunta, Anxo Lorenzo, detallou hoxe estes datos durante a presentación da carteleira escénica do Concello, na que tamén participaron Branca Novoneyra, concelleira de Acción Cultural de Santiago; Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña; Xaquín López, director-xerente do Auditorio de Galicia; e os representantes das compañías que protagonizan as catro estreas desta temporada: Víctor Mosqueira, de Produción Teatráis Excéntricas; Marta Pazos, de Voadora, con Hemos venido a darlo todo; Guillermo Carbajo, de Redrum Teatro, con Idiota; e Isabel Rey, de Os Monicreques de Kukas, con Arlequina.

Estreas

Estes catro espectáculos forman parte igualmente da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios en Santiago, na que a Agadic e o Concello realizan un investimento conxunto de preto de 53.000 euros para este primeiro semestre de 2019. Ademais de Hemos venido a darlo todo, que se representa en Santiago do 31 de xaneiro ao 2 de febreiro tras a súa preestrea en Rianxo; Carpe Diem, do 27 de febreiro ao 1 de marzo; Idiota, do 6 ao 8 de marzo; e Arlequina, o 28 de marzo, o circuíto da Xunta achega á carteleira do Teatro Principal outros seis espectáculos galegos.

Trátase de Da avaricia, a luxuria e a morte, de Teatro do Noroeste (24 e 25 de xaneiro); Pavillón Lino, de Caramuxo Teatro (16 de febreiro); Patapatúm, de Elefante Elegante (6 de abril); Entre soños, de Fran Sieira (25 de abril); Alma (non é hippie), do Colectivo Verticalia que integran Duelirium e Traspediante (4 de maio); e Anatomía dunha serea, de Iria Pinheiro con Chévere (9 e 10 de maio).

Circuíto profesional

A Rede Galega de Teatros e Auditorios é un circuíto de programación escénica que leva funcionando de xeito continuado desde 1996. Trátase do principal mercado interior para as propostas escénicas galegas producidas de xeito profesional e conta cun orzamento para este primeiro semestre de preto de 919.00 euros, que asumen a Agadic e as entidades locais asociadas.

Esta primeira carteleira de 2019 achegaralles aos espectadores de 38 concellos de toda Galicia 349 actuacións de teatro, danza, música, maxia e circo de 115 formacións artísticas, un 90% delas galegas.

A súa programación pode consultarse na páxina da Agadic e na de Cultura de Galicia.

17 de xaneiro de 2019 | 17:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.