publicidade hoxe

A primeira Lei de rehabilitación de Galicia inicia a súa tramitación parlamentaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a aprobación para a súa remisión ao Parlamento da futura Lei de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia para facilitar a recuperación de centros históricos e núcleos rurais e protexer as edificacións históricas. O titular do Goberno galego apuntou que esta lei se enmarca nun obxectivo de lexislatura para “priorizar a rehabilitación fronte ás novas construcións”.

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo explicou que a norma aprobada esta mañá no Consello diferencia dous ámbitos de actuación: a rehabilitación edificatoria; e a rexeneración urbana, referida a actuacións que afectan tanto edificios como tecidos urbanos.

Así mesmo, o novo documento axilizará a tramitación para a recuperación de centros históricos e núcleos rurais, “porque non hai maior desprotección que o abandono do patrimonio construído”, incidiu, ao que engadiu que a futura lei simplificará tamén os trámites de intervención nas vivendas situadas nos camiños de Santiago, de xeito que, nos casos nos cales se pretenda levar a cabo unha rehabilitación dun inmoble neste ámbito, se concederá unha licenza directa sempre que non afecte elementos especificamente protexidos, como os BIC ou edificios con valor patrimonial.

Sobre este punto, cómpre salientar que estas condicións se estenderán aos núcleos rurais e urbanos con algún tipo de protección patrimonial. Así, o texto ampliará os supostos de concesión de licenzas directas por parte dos concellos, sen necesidade de contar coa autorización previa da Administración autonómica para traballos como o cambio de cuberta ou actuacións en carpinterías exteriores, fachadas ou no interior de edificacións. A condición é non afectar valores protexidos.

Ademais, a futura normativa establecerá, por primeira vez, un réxime sancionador específico para loitar contra as pintadas e graffitis nas edificacións históricas ou ámbitos protexidos.

Feijóo destacou que, polo tanto, esta lei suprimirá as trabas, promoverá a coordinación entre as administracións, e impulsará que sexa máis atractivo vivir nas áreas rehabilitadas.

Para funcionar adecuadamente, o presidente da Xunta resaltou que esta lei estará dotada de varias ferramentas, como un centro para tramitar e coordinar as actuacións de rehabilitación ou un fondo Rexurbe, que financiará os proxectos de rehabilitación integral. E, naqueles casos concretos de edificios ou conxuntos de edificios nos cales sexa necesario ou recomendable proceder a unha intervención inmediata, abrirase a posibilidade de declarar a utilidade pública e a urxente ocupación.

10 de xaneiro de 2019 | 16:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.