publicidade hoxe

A declaración da Semana Santa de Santiago como Festa de Interese Turístico Galego será un reclamo máis para atraer visitantes

O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, presentou esta mañá, acompañado polo Presidente e polos representantes da Xunta de Confrarías da Semana Santa de Santiago de Compostela, o cartel desta celebración para este ano 2019. Na súa intervención destacou que “estamos a falar dun evento cultural e dunha festa de todas e todos os composteláns que foi declarada Festa de Interese Turístico de Galicia o que lle permitirá ser un reclamo máis para que os turistas visiten esta cidade nunha data tan sinalada”.

Neste senso, recalcou que as festas de Interese Turístico de Galicia reciben unha liña de achegas cunha contía global de 300.000 euros (3.000 euros por festa) para continuar impulsando turísticamente a nosa Comunidade en xeral e, particularmente, a provincia de A Coruña e o concello compostelán.

Ovidio Rodeiro, lembrou que “a dia de hoxe, Galicia conta con 141 Festas de Interese Turístico, das que 120 teñen o recoñecemento de interese de Galicia, 11 nacionais e 10 internacionais. “Para a nosa comunidade, continuou, como destino turístico, resulta fundamental contar con elementos diferenciais e singulares relacionados con aspectos arraigados na nosa tradición cultural. As festas son un reclamo fundamental neste sentido”

O representante do goberno autonómico apuntou que son varias as Semanas Santas declaradas de Interese Turístico galego, as de Ferrol, Santiago, Viveiro, Betanzos e Santísimo Cristo de Fisterra. No caso da de Santiago de Compostela, destacou que “a Semana Santa permite descubrir a cidade e Galicia desde outra óptica e incrementa o atractivo e a oferta cultural do destino, ao tempo que permite coñecer lugares con grandes recursos turísticos”. Neste senso, finalizou recalcando que “o seu valor cultural vén dado especialmente pola contorna na que se desenvolve: o centro histórico de Santiago de Compostela, declarada Patrimonio Mundial pola Unesco no ano 1985”.

17 de xaneiro de 2019 | 16:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.