publicidade hoxe

A Consellería de Educación remata a reforma dos aseos da escola de adultos do CEIP Manuel Vidal Portela de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedra
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o CEIP Manuel Vidal Portela da capital da provincia co obxectivo de comprobar o remate das obras de mellora dos aseos deste colexio que tamén é sede da escola de adultos (EPAPU Río Lérez).

Na visita, o delegado territorial estivo acompañado polo xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, os directores do CEIP e do EPAPU, así como por responsables da Unidade Técnica de Educación.

José Manuel Cores Tourís explicou que “Educación era consciente do estado deficiente de algúns dos aseos deste centro, polo que se tomou a decisión de poñer en marcha estes traballos de mellora que ascenderon a preto de 25.000 euros e que permitiron reformar dous baños, un de homes e outro de mulleres, así como crear un aseo para discapacitados”.

“Seguiremos a mellorar os baños deste centro, e a nosa próxima actuación serán os baños do andar superior, onde tamén se reformará un baño de homes e outro de mulleres, e se instalará outro aseo para persoas con diversidade funcional”, engadiu o delegado territorial.

Por outra banda, tamén se informou aos responsables educativos do CEIP e da EPAPU que nas próximas semanas o xefe territorial de Educación manterá unha reunión coa concelleira de Educación da cidade de Pontevedra de cara a analizar a información coa que se conta sobre a propiedade do edificio, “xa que unha vez que coñezamos o actual propietario, o concello poderá reclamar a titularidade e posteriormente cedela á Consellería de Educación”, explicou César Pérez Ares, quen deixou claro que “unha vez que contemos coa titularidade este centro podería ser obxecto dunha reforma máis profunda a través dunha mellora de eficiencia enerxética, como xa se fixo noutros centros da cidade como o Vilaverde Mourente”.

En relación ao CEIP Vidal Portela, a Consellería de Educación investiu nos últimos anos máis de 161.000 euros destinados a distintas melloras, como reparación de dinteis e xambeados na fachada, reforma da aula de informática ou da iluminación, así como a instalación dunha placa que cubre o antigo escudo de época franquista.

José Manuel Cores Tourís recordou que a Consellería de Educación leva investidos máis de 7,3 millóns de euros nos centros de Primaria e Secundaria da cidade de Pontevedra nos últimos anos, con obras tan importantes como a ampliación do CIFP Carlos Oroza, o cambio de cuberta no IES Sánchez Cantón e do Torrente Ballester, a ampliación do CIFP A Xunqueira, a rehabilitación do CEIP Campolongo e do Vilaverde Mourente, e a reforma do CEIP Froebel, entre moitas outras.

17 de xaneiro de 2019 | 16:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.