publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Comisión Europea toma nota da demanda galega de incluír a conexión ferroviaria Vigo-Porto na rede básica da rede transeuropea de transporte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+

A Comisión Europea tomou nota da demanda galega de incluír a conexión ferroviaria Vigo-Porto na rede básica da Rede Transeuropea de Transporte (RTE-T). Así llo trasladou nunha misiva a comisaria europea de Transporte, Violeta Bulc, ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez.

A responsable europea enviou esta comunicación en resposta e agradecemento ao envío da Proposición non de Lei aprobada no Parlamento de Galicia a finais de outubro na que se solicita a inclusión da conexión ferroviaria Vigo-Porto como parte da rede básica da RTE-T.

Bulc destaca que o desenvolvemento das conexións transfronteirizas permite unha maior integración dos países veciños, e concretamente de España e Portugal neste caso. Por iso, a próxima revisión da RTE-T, prevista para 2023, pode servir de oportunidade aos Estados membros afectados para que aborden esta conexión. A comisaria aproveita para anunciar que xa se iniciaron os traballos preparatorios para esta revisión, conforme o previsto no actual regulamento.

Conexión Vigo-porto na política europea de infraestruturas

A vía férrea que une os portos de Porto e Vigo (transporte de mercancías), así como os aeroportos de Vigo e Porto (transporte de pasaxeiros) está recollida no mapa da Rede Transeuropea de Transporte como parte da rede global ou secundaria, é dicir, como parte das infraestruturas que deberán estar completadas no ano 2050, e non como parte da rede básica, cuxa execución fíxase para 2030. Por este motivo, tampouco se atopa dentro do Corredor Atlántico, un dos nove corredores multimodais definidos en 2013 a partir de tramos pertencentes exclusivamente á rede básica.

Non obstante, no novo regulamento do Mecanismo Conectar Europa que se está debatendo actualmente, esta conexión goza dunha atención especial ao ser designada como unha das 25 seccións transfronteirizas da rede global predeterminadas para recibir financiamento e un dos dous enlaces transfronterizos escollidos no Atlántico para establecer de forma prioritaria un “corredor 5G” .

Galicia na RTE-T

A Xunta, co apoio da Fundación Galicia Europa, realiza un seguimento da política europea de Transporte para defender os intereses galegos. En Galicia, 3 portos, os tres aeroportos, unha gran parte das vías férreas e a principal rede viaria xa forman parte do mapa europeo de infraestruturas, que está estruturado nunha dobre capa: rede básica, de maior importancia estratéxica, e rede global.

Nos últimos anos, a Xunta e outros actores demandaron a extensión do Corredor Atlántico da rede básica a Galicia, conseguindo que a Comisión o incluíra na súa proposta de revisión do mapa de corredores publicada o pasado mes de xuño. O Parlamento Europeo e o Consello ratificárono nos seus posicionamentos polo que, a partir de 2021, o mapa dos corredores xa incluirá esta extensión, outorgando así unha maior importancia estratéxica á conexión ferroviaria Venta de Baños Palencia-León-Astorga-Monforte de Lemos-Vigo-A Coruña.

Coa contribución do Parlamento de Galicia, a Xunta traballa agora para defender a inclusión da conexión ferroviaria Vigo-Porto na futura revisión xeral da RTE-T, prevista para 2023. A Comisión Europea xa comezou os traballos para esta revisión contratando una consultaría externa para avaliar a execución da RTE-T, que se espera se prolongue durante un ano. A principios deste ano, a Comisión abrirá, ademais, unha consulta pública na que se preguntará si continúan sendo válidos a metodoloxía e o planteamento actual tras cinco anos en curso, e en vista da evolución en materia de transporte acaecida durante estes anos (dixitalización, descarbonización, novas normativas sobre combustibles alternativos e sobre estandarización, etc.).

18 de xaneiro de 2019 | 12:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.