publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Biblioteca Miguel González Garcés da Coruña acolleu a máis de 230.000 usuarios e xestionou 135.000 préstamos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, acompañou, está mañá, aos escolares de cuarto de primaria do Colexio de Educación Infantil e Primaria San Francisco Javier na súa visita á Biblioteca Pública, Miguel González Garcés, dentro das actividades da súa programación anual. O representante do goberno autonómico fixo balance deste centro bibliográfico e documental dependente da Consellería de Cultura e Turismo.

A biblioteca pública Miguel González Garcés da Coruña, que xestiona a Xunta de Galicia, realizou o pasado ano 2018 un total de 135.304 préstamos, o que supuxo acadar un incremento dun 18% con respecto ás cifras do ano anterior. O número de visitantes deste centro foi de 230.850 persoas, das que 43.414 teñen carné de socio.

Os libros máis demandados polos usuarios foron “Botas de lluvia suecas” de Henning Mankell, “ Las Maldiciones” de Claudia Piñeiro e “Fariña”, de Nacho Carretero, inda que o documento máis solicitado foi o “Curso de Inglés definitivo”. En literatura infantil e xuvenil os libros máis lidos foron “Diario de Greg” de Jeff Kinney, “El abecedario fantástico” de Mercé Viana e “El misterio de los árboles dormidos” de Roberto Santiago. Ademais de libros, esta biblioteca tamén realiza préstamos de cómics, revistas, música, series de televisión e videoxogos.

A biblioteca pública Miguel González Garcés tamén destacou en 2018 pola programación de 227 actividades temáticas. As actividades incluíron cursos de formación e aprendizaxe, promoción da lectura ou exposicións culturais e mostras bibliogáficas. Ademais, este centro conta con 5 clubs de lectura fixos e mesmo iniciativas de alfabetización dixital.

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, destacou que “a González Garcés é un dos maiores centros culturais da cidade, tanto por número de usuarios como pola súa colección de documentos, que alcanza as 265.000 pezas”.

Rodeiro tamén quixo por de manifesto o esforzo da Xunta de Galicia por seguir potenciando esta biblioteca, “que incrementou o pasado ano un 19% o seu número de documentos a disposición dos usuarios, grazas ás novas adquisicións realizadas pola Consellería de Cultura e Turismo”.

15 de xaneiro de 2019 | 17:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.