publicidade hoxe

A área territorial de Vigo recibiu 12,6 millóns do Fondo de Cooperación Local para obras e servizos da súa competencia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPortada dereitaVigo
A-
A+

O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, destacou hoxe a forte aposta do Goberno galego polo municipalismo cun incremento este ano da dotación do Fondo de Cooperación Local (FCL) do 2,5 por cento, ata os 128,7 millóns de euros, o que suporá preto de 283.000 euros máis para repartir entre os concellos da demarcación territorial viguesa.

Segundo informou, a Xunta de Galicia distribuíu no 2018 entre os 14 municipios que integran a área máis de 12,6 millóns de euros do Fondo de Cooperación Local para obras e servizos da súa competencia. Unha cantidade á que hai que sumar outras liñas de axuda e subvencións das distintas consellerías, así como a dotación correspondente ao Fondo de Compensación Ambiental.

No balance deste programa que, remarcou, se abona en 12 mensualidades e a mes vencido, cifrou en máis de 61 millóns de euros a cantidade retribuída a estes concellos no último quinquenio. Unha dotación orzamentaria que se mantivo “intacta” durante os anos de recesión, nos que as contas autonómicas minguaron considerablemente.

En canto a fórmula de distribución, indicou que o reparto faise en base a criterios obxectivos pactados previamente coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), cun peso específico aos relativos á poboación -especialmente o número de habitantes pero tamén o número de persoas maiores de 65 anos-, así como a superficie do concello e a cantidade de núcleos de poboación.

Así, entre os 14 concellos da área reciben 11,3 millóns correspondentes ao fondo base. A cidade de Vigo, no grupo de concellos de máis de 50.000 habitantes, percibe a maior contía con preto de 6,2 millóns por exercicio. No Morrazo, Cangas e Moaña reciben 745.483,78 euros e 544.163,40 respectivamente; e no Val Miñor, corresponden 446.120,71 a Gondomar, 568.456,94 a Nigrán e 419.913,91 euros a Baiona.

En A Louriña, Mos e O Porriño perciben 452.072,43 e 516.667,58 euros; mentres Redondela recibe 811.982,75 euros; Pazos de Borbén 160.529,05; Salceda de Caselas 316.982,67; Soutomaior 241.119,23 euros e Salvaterra do Miño 409.482,46.

Asemade, López-Chaves incidiu en que neste 2019 aumentan os fondos adicionais en máis de tres millóns, permitindo así culminar o proceso iniciado neste exercicio no que a Xunta compensa a aqueles concellos que teñen gastos derivados do mantemento dos centros de saúde.

“De modo que non só se consolida o apoio da Xunta aos concellos, senón que segue aumentando”, aseverou o delegado territorial, ao tempo que defendeu o obxectivo da Administración autonómica de “contribuír a que os concellos poidan seguir prestando os debidos servizos á cidadanía, mellorando as condicións de vida que satisfagan as necesidades dos seus veciños e o fagan sen necesidade de ampliar a carga impositiva que soporta a veciñanza”.

17 de xaneiro de 2019 | 16:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.