publicidade hoxe

Medio Ambiente abre o prazo de solicitudes para a pesca da lamprea no río Ulla durante a tempada 2019

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O prazo para a presentación de solicitudes para a pesca da lamprea no río Ulla o próximo ano abrirase a partir de mañá. Así o anuncia o Diario Oficial de Galicia (DOG), que publica hoxe a orde pola que se regula esta práctica nas pesqueiras tradicionais do río e se fixan o período e as condicións para tramitar os permisos correspondentes á tempada 2019.

O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días contados a partir de mañá e os pescadores interesados deberán tramitalas preferiblemente por vía telemática a través da sede electrónica da Xunta, aínda que tamén poderán facelo de forma presencial, en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común (oficinas de Correos, rexistros municipais e da Xunta, entre outros).

A lamprea (Petromizon marinus) é unha especie piscícola moi particular no que respecta ao seu aproveitamento, no que se seguen a utilizar procedementos e artes tradicionais que están prohibidos para o resto das especies. Esta é a razón pola que se establece un réxime especial para a súa pesca co obxectivo de que se realice un aproveitamento específico e ordenado desta especie. Actualmente existen 28 pesqueiras operativas dentro das pesqueiras tradicionais no río Ulla.

As persoas interesadas en traballar a lamprea nestas zonas deberán estar en posesión da correspondente licenza de pesca e contar co permiso de cuarta categoría para cada día e pesqueira. Como é habitual, xunto cos permisos, entregarase un libro de rexistro de capturas que deberá ser debidamente cuberto, estar sempre a disposición das autoridades competentes e unha vez rematada a tempada, terá que ser enviado ao Servizo de Conservación da Natureza de Pontevedra.

Tal e como establece a orde, para o exercicio da pesca con aproveitamento nas pesqueiras do río Ulla expedirase a licenza das clases A ou B, segundo corresponda, na que se indicará a especie autorizada (lamprea) e se especificará a pesqueira na que se pode practicar esta pesca, de acordo coa lista establecida no Anexo I da orde publicada hoxe.

Segundo a normativa, o vindeiro ano o período hábil de pesca da lamprea será:

– Nas pesqueiras de Areas (Herbón), do 7 de xaneiro ao 30 de marzo.
– No tramo comprendido desde a pesqueira As Vellas (Herbón) ata a pesqueira da Trapa (Herbón) ambas incluídas, do 4 de febreiro ao 27 de abril.
– No tramo comprendido desde as pesqueiras da Caseta e Furado (Carcacía) ata a pesqueira de Lampreeiro, lugar das Pesqueiras (Reis) todas incluídas, do 11 de febreiro ata o 11 de maio.

Polo que respecta aos horarios, as redes só poderán estar colocadas desde as 20,00 horas ata as 08,00 horas, quedando prohibida a realización dos labores de pesca –é dicir, que deberán levantarse as redes das pesqueiras- entre as 08,00 horas dos sábados e as 20,00 horas dos luns. O mesmo día que remate o período autorizado, retiraranse as artes de pesca.

13 de decembro de 2018 | 16:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.