publicidade hoxe

Galicia defende a postura das comunidades españolas ante o Consello de Ministros de Medio Ambiente da UE

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada esquerda
A-
A+

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, defendeu esta mañá no Consello de Ministros de Medio Ambiente da UE celebrado en Bruxelas a postura común das comunidades españolas sobre os asuntos a debate nesta xuntanza. Os temas principais da orde do día foron as normas de emisións de CO2 de vehículos pesados, a proposta de regulamento sobre o programa de axudas LIFE e a estratexia da Comisión Europea para alcanzar unha Europa climaticamente neutra no ano 2050.

Durante a reunión, a conselleira tomou a palabra para expoñer a posición das comunidades españolas sobre a estratexia europea de adaptación ao cambio climático, publicada pola Comisión Europea coa intención de que todos os Estados membros adopten plans nacionais para facer fronte aos efectos derivados deste fenómeno. Nesta liña, Ángeles Vázquez explicou que a Xunta xa ten moi avanzada a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, a primeira que elabora unha comunidade autónoma, e avanzou que a súa presentación está prevista para o primeiro trimestre de 2019, un fito que contribuirá a situar a Galicia como un referente en materia de medio ambiente e sostibilidade no seo da UE.

Así mesmo, con respecto ao programa de axudas LIFE, as comunidades españolas amosaron o seu respaldo ao novo regulamento no que se está a traballar, especialmente no relativo ao reforzo dos proxectos relacionados coa natureza e a biodiversidade, pero incidindo tamén na necesidade de reforzar o financiamento en materia de biodiversidade ou ben ofrecendo maior flexibilidade ou ben ampliando o eido ao que poden dirixirse os proxectos que opten a este programa.

No que respecta á proposta de regulamento sobre as normas de emisións de CO2 dos vehículos pesados, a titular galega de Medio Ambiente trasladou en Bruxelas en nome dos seus homólogos que o acordo arredor deste asunto debe ser “o máis ambicioso e realista posible”. Neste sentido, o cronograma acordado para o cumprimento dos obxectivos de redución de emisións debe manterse no ano 2030, sen que España estime oportuno nin procedente adiantar estes prazos.

Así mesmo, resaltou o papel que poden xogar as comunidades autónomas en materia de emisións contaminantes tanto pola vía do pulo á contratación pública de vehículos limpos nos distintos niveis de administracións, como á hora de deseñar e impulsar estratexias para a redución de emisións no eido do transporte. Igualmente, a delegación española trasladou ao Consello de Ministros o seu apoio unánime ao obxectivo da Comisión Europea de alcanzar a neutralidade climática no ano 2050 e camiñar cara a unha economía de cero emisións netas de gases de efecto invernadoiro.

Por último, Vázquez Mejuto aproveitou a súa presenza en Bruxelas para salientar tamén o traballo realizado este semestre por todas as comunidades españolas, baixo o liderado e coordinación de Galicia, co fin de poder hoxe intercambiar experiencias cos socios comunitarios e trasladar unha postura firme e común en materias clave para o futuro do medio ambiente en Europa. Nesta liña, fixo un chamamento a que a opinión e as políticas impulsadas desde as rexións europeas sexan cada vez máis tidas en conta por parte das institucións comunitarias.

Seis meses como voceira das comunidades españolas
Cómpre lembrar que o pasado xuño Galicia relevou oficialmente ao País Vasco como representante das comunidades autónomas españolas durante o segundo semestre de 2018 ante o Consello de Ministros de Medio Ambiente da UE e nos grupos de traballo nos que participa esta institución.

Ángeles Vázquez xa exercera como voceira das autonomías ante os ministros europeos do ramo o pasado 9 de outubro en Luxemburgo. A de hoxe foi, polo tanto, a súa segunda intervención ante o Consello e tamén será a última, xa que o próximo 1 de xaneiro finaliza o semestre da Xunta como representante autonómica en Europa para asuntos medioambientais.

A modo de balance destes seis meses nos que Galicia foi a “voz” de todas as comunidades españolas en materia medioambiental, a conselleira resaltou a súa satisfacción persoal e a do conxunto do Goberno galego polo traballo de coordinación e representación desenvolvido ante o Consello de Ministros de Medio Ambiente da Unión Europea, un papel fundamental, segundo dixo, para lograr que España avance da man de Europa na dirección correcta ante os desafíos que terá que encarar nesta materia.

A seguinte comunidade á que lle tocaría asumir o relevo de Galicia sería Cataluña, aínda que a Generalitat xa comunicou que non está en condicións de aceptar esta responsabilidade. Por esta razón, finalmente será Asturias quen sucederá a Galicia na defensa da postura común das autonomías ante o Consello de Ministros de Medio Ambiente durante o primeiro semestre de 2019.

20 de decembro de 2018 | 16:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.