publicidade hoxe

Galicia defende a flexibilización da obriga de desembarques entre especies e entre zonas para favorecer a actividade da frota

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, explicou hoxe que de cara ao Consello de Ministros de Pesca da UE que se celebrará a semana próxima en Bruxelas, Galicia defende “unha maior flexibilidade entre especies e zonas” ante a obriga de desembarque de capturas que entrará en vigor o un de xaneiro de 2019. Neste sentido, Galicia propón a creación dunha bolsa que poidan utilizar todos os estados membros para evitar que as especies accesorias, é dicir, aquelas de escasa relevancia de captura, funcionen como especies de estrangulamento impedindo a actividade da frota.

Así o explicou hoxe a conselleira en Madrid, tras o Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios e a Conferencia Sectorial de Pesca, nos que se perfilou o posicionamento de España para as negociacións da próxima semana no Consello de Ministros de Pesca da UE. Un encontro, subliñou a titular de Mar, que é “o máis importante para a frota pesqueira”, xa que nel se negociarán as súas posibilidades de pesca para o 2019.

Ademais, a súa importancia este ano, expuxo Rosa Quintana, ten un dobre motivo. Por unha banda, pola entrada en vigor da obriga de desembarques de capturas e, por outra banda, porque é o último ano para acadar o Rendemento Máximo Sustentable (RMS), é dicir, o nivel óptimo de capturas que pode extraerse dunha poboación de peixes cada ano sen prexudicar o stock. En relación a este último aspecto, a titular de Mar lembrou que todos os estados membros se comprometeron na reforma da Política Común de Pesca a acadar o RMS en todos os stocks no ano 2020.

En relación a proposta da CE para as posibilidades de pesca do ano que vén, que se negociará no Consello de Ministros, Rosa Quintana puxo de relevo que “é mellor que a do ano pasado”. Non obstante, matizou, quedan aspectos que desde España e desde Galicia en particular, como representante das comunidades autónomas españolas en materia pesqueira, se intentarán suavizar durante os trílogos da reunión do Consello de Ministros.

Neste sentido, a titular de Mar puxo como exemplos máis importantes o caso da pescada sur, para a que a CE propón unha redución dun 14%, e o da xarda, para a que suxire unha rebaixa do 20%. En relación á pescada, Rosa Quintana explicou que Galicia propón que se poida aplicar xa o plan plurianual de augas do atlántico no que se establece a xestión da pesqueira en rangos, posto que xa hai un acordo político. Para a cabala, Galicia solicita maior flexibilidade de intercambio entre os diferentes estados para compensar a caída do 20%.

Estas e outras propostas de Galicia en relación ás negociacións do Consello de Ministros de Pesca da UE, explicou a conselleira, “fixémosllas chegar onte a todos os conselleiros das comunidades autónomas e á secretaria xeral de Pesca”.

11 de decembro de 2018 | 19:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.