publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta mantén a súa disposición a seguir traballando co Concello de Viveiro e as demais administracións para poñer os medios necesarios que eviten repetir o sucedido en Xunqueira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaViveiro
A-
A+

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, destacou hoxe que a Xunta mantén a súa disposición para seguir traballando da man do Concello de Viveiro e as demais administracións, para poñer os medios necesarios para tratar de evitar que o sucedido en Xunqueira se poida volver repetir.

Segundo expuxo hoxe na Comisión 2ª do Parlamento, a día de hoxe a Xunta segue a colaborar co Concello de Viveiro na recuperación das zonas afectadas polas chuvias extraordinarias do pasado 18 de novembro no núcleo de Xunqueira. Cooperación, engadiu, posta en marcha desde o primeiro momento e que, no caso da Administración Hidráulica de Galicia, favoreceu a axilización dos traballos a través da Declaración de Emerxencia o 19 de novembro, da que se dou conta ao Consello da Xunta o pasado día 13 de decembro.

Teresa Gutiérrez detallou as actuacións do seu departamento como consecuencia dos asolagamentos producidos na zona catalogada de risco potencial significativo de inundacións. E apuntou que, no momento de coñecer o acontecido, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mobilizou os medios para avaliar os danos e para por á disposición do Concello o persoal de conservación de estradas e 3 equipos de Augas de Galicia.

Tamén referiu que desde o primeiro momento os técnicos da Xunta están a analizar a posible existencia de factores que puideran agravar os efectos das extraordinarias chuvias caídas ese día. E, abundou en que os informes técnicos apuntan a un desbordamento do río debido á forza e a velocidade de baixada da auga que arrincou árbores obstruíron o mesmo.

Sinalou que en base a situación de emerxencia xurdida, Augas de Galicia procedeu á execución dos traballos de retirada de sedimentos e arrastres, acondicionamento e limpeza do leito e das súas zonas de protección, do rego da Cova e do rego de Trasposta, no Concello de Viveiro.

Explicou que estes traballos, que contan cun orzamento autonómico de 100.000 euros, continúan desenvolvéndose na actualidade de forma coordinada coas tarefas de limpeza que lle corresponde acometer ao Concello de Viveiro como responsable da conservación do treito urbano dos ríos. E neste sentido, indicou, a Xunta pon a disposición do Concello de Viveiro as ferramentas que axilizan as tarefas de mantemento e conservación do dominio público hidráulico.

A directora de Augas de Galicia lembrou así mesmo como desde os primeiros días, Xunta e Concello coincidiron na necesidade de priorizar os traballos de limpeza e asistencia aos afectados, avaliar os danos e, en función diso, continuar actuando.

Deste xeito, incidiu novamente en que, tendo en conta que a zona afectada polos asolagamentos está catalogada de risco potencial significativo de inundacións, a Xunta segue a apostar por traballar da man do Concello de Viveiro e, das demais administracións, para facer unha reflexión conxunta e global e poñer os medios necesarios para tratar de evitar que o sucedido en Xunqueira se poida volver repetir.

20 de decembro de 2018 | 17:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.