publicidade hoxe

A Xunta incrementa as contías da Risga e establece a posibilidade de compaxinala cos ingresos laborais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Reunión do Consello da Xunta

Reunión do Consello da Xunta

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a aprobación no Consello da Xunta do proxecto de decreto de desenvolvemento da Lei de inclusión social de Galicia que permitirá incrementar as contías da Risga, así como compaxinala con ingresos laborais. Uns cambios dos que se beneficiarán os preto de 10.000 galegos que perciben esta achega económica.

“Trátase dun decreto ambicioso e innovador”, dixo, incidindo en que unha das novidades máis importantes será a posibilidade de compatibilizar a Risga cos ingresos do traballo, de xeito que aceptar un emprego non supoña unha perda de ingresos con respecto á renda social. Non en van, estar en situación de desemprego era condición sine qua non para acceder á Risga.

Como segunda gran novidade que introduce este texto, Feijóo destacou a creación de dous novos tramos. Así, se na actualidade esta prestación se compoñía do tramo persoal e familiar, que se determina en función das circunstancias da persoa perceptora e se marca atendendo ás persoas que conviven nese fogar; a partir de agora, inclúense dous máis: o tramo de inserción, cun complemento do 35% do Iprem (188 euros) durante un máximo de doce meses e prorrogable por outros seis. Ao que poderán acceder as persoas que superen un diagnóstico de empregabilidade, que deberán subscribir un convenio de inclusión sociolaboral no que se comprometan a mellorar a súa formación ou facer prácticas laborais non remuneradas, por exemplo.

E o tramo de transición ao emprego, un incentivo que se concederá ás persoas perceptoras que atopen un traballo. Así, durante o primeiro mes poderán cobrar ata un 35% máis ca o salario mínimo interprofesional e esta contía irá descendendo progresivamente, ata deixar de percibir a Risga ao finalizar o semestre.

O presidente da Xunta aseverou que coa eliminación do requisito de desemprego e a introdución destes dous novos tramos, a Risga converterase nunha auténtica ponte cara á vida laboral, na liña das recomendacións que fai a Comisión Europea.

Así mesmo, outra das novidades do texto será que, á hora de calcular se unha persoa ten dereito á Risga, computaranse unicamente os ingresos que efectivamente se cobren, non aqueles aos que se ten dereito pero que non se están a facer efectivos.

Ademais, este decreto tamén permitirá compatibilizar a Risga con outras axudas de inclusión extraordinarias, para a compra de alimentación, vestido e enxoval doméstico; sempre que se acredite a necesidade destes produtos porque a persoa teña unha intolerancia alimentaria, discapacidade ou unha patoloxía crónica ou minoritaria.

En definitiva, un Decreto que suporá un importante incremento das prestacións que perciben as familias que máis o necesitan, concluíu, recordando que o novo documento recolle as achegas das entidades sociais que traballan no eido da inclusión. De feito, ademais dos prazos de consulta previa e de información pública obrigados, concedeuse un prazo adicional de 15 días na fase intermedia da tramitación e se notificou individualmente ás entidades máis representativas deste ámbito.

13 de decembro de 2018 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.