publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta comeza os trámites para declarar o Castro de Santa María de Cervantes como Ben de Interese Cultural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervantesGaliciaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

A Xunta de Galicia vén de incoar o procedemento para declarar Ben de Interese Cultural, coa categoría de zona arqueolóxica, o Castro de Santa María de Cervantes no termo municipal de Cervantes e incluír os seus elementos integrantes como bens inmobles do Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia tal e como recolle hoxe o Diario Oficial de Galicia.

Os bens incluídos son os xacementos arqueolóxicos coñecidos como as minas romanas da Viña da Moura e do Ribadón; a igrexa de Santa María do Castro, a casa reitoral de Santa María do Castro e a Cea do Río.

A superficie que ocupa a zona arqueolóxica proposta é de 56.615 metros cadrados e a do seu contorno de protección, é de 566.385 metros cadrados. Un conxunto que no ámbito cronolóxico abrangue desde o século I d.C. ata a actualidade.

A incoación para declarar este conxunto como Ben de Interese Cultural implica a aplicación dun réxime de protección e tutela, polo que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa conservación.

Estes xacementos achegaron moitos datos sobre a investigación do fenómeno castrexo no período de transición das culturas prerromanas ao mundo romano, xa que están asociados ao proceso de integración das poboacións locais na complexa dinámica organizada polo Imperio Romano, que explotaba os xacementos auríferos do río Navia e os seus afluentes, entre eles, o río Quindós.

As escavacións levadas a cabo ofreceron información sobre a arquitectura castrexa como entalles para os marcos das portas, a existencia de andeis, ou a existencia de varios niveis internos entre outros. As campañas de restauración e consolidación realizadas de forma paralela ás escavacións permitiron a súa posta en valor e hoxe en día os restos atópanse en bo estado de conservación. Pola súa banda, as minas son mostra dunha interesante corta de explotación a ceo aberto de considerables dimensións, para aproveitar o mineral aurífero primario, asociado a mineralizacións de ferro.

20 de decembro de 2018 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.