publicidade hoxe

Un total de 159 centros públicos de primaria disporán este curso de kits de robótica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de publicar a resolución definitiva dos centros que se incorporan neste curso 2018/19 ao programa de innovación Introdución á robótica educativa en primaria, un total de 50, o que supón que en Galicia dispoñen xa destes kits de robótica subministrados pola Xunta un total de 159 colexios públicos. Deles, 77 renovan ou continúan o proxecto do curso anterior e 32 participarán cun ampliado do ano pasado (isto é, recibirán unha nova dotación de robots e complementos de construción), ao abeiro desta última resolución publicada, que se pode consultar no enlace http://www.edu.xunta.gal/portal/node/26343.

En concreto a dotación que recibirán os centros – tanto os de nova incorporación como os que amplían recursos– consiste en 6 robots Mbot (modelo básico) e kit de construción compatible de Lego, ademais dos manuais de uso e guía didáctica. Os destinatarios destes materiais son alumnos de 4º, 5º e 6 de Primaria.

Introdución á robótica educativa en primaria ten como obxectivo facilitar que o alumnado adquira, a maiores de coñecementos curriculares, competencias clave para o seu pleno desenvolvemento persoal e social, a través dunha metodoloxía activa que contribúe ademais a fortalecer o avance dos escolares nas áreas de Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas (STEM). O programa enmárcase na Estratexia Galega de Educación Dixital, Edudixital 2020, impulsada pola Consellería, a través da cal se busca lograr que todo o alumnado de ensino obrigatorio teña formación en robótica e programación no curso 2020/21 co fin de que, ao finalizar os estudos, acade un nivel adecuado de competencia dixital e científico-tecnolóxica.

Cómpre lembrar neste sentido que, a maiores desta acción para os centros de primaria, a Consellería dotou a todos os centros que imparten ESO dun kit de robótica educativa (formada por 6 robots MBot modelo Ranger), un de microcontrol e programación (4 arduinos UNO con de sensores e actuadores e 2 Raspberry PI 3) e outro de impresión 3D (impresora Leon3D con set de consumibles). Ademais, para tirar un mellor aproveitamento destes recursos a Consellería de Educación oferta dúas materias de libre configuración autonómica que son específicas deste eido, Programación (en ESO) e Robótica (en Bacharelato).

6 de novembro de 2018 | 16:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.