publicidade hoxe

Posta en marcha o nodo 5G co compromiso de Orange, Telefónica e Vodafone de realizar en Galicia seis prototipos baseados nesta tecnoloxía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta pon en marcha o Nodo de Cooperación 5G para facilitar o desenvolvemento de solucións baseadas nesta tecnoloxía que dean resposta á necesidades concretas en ámbitos prioritarios para a Comunidade. A Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Orange, Telefónica, Vodafone e o operador público Retegal asinaron hoxe un convenio de colaboración que plasma o compromiso dos tres operadores de telecomunicación de desenvolver un mínimo de 6 probas de concepto con tecnoloxía 5G entre 2019 e 2020.

A posta en marcha do Nodo é a primeira das medidas do Plan Galicia 5G para posicionar á Comunidade como territorio preferente na pilotaxe de solucións innovadoras baseadas nesta tecnoloxía. O despregamento destas redes está vinculado a casos de uso e posibles aplicacións, segundo as directrices da Unión Europea.

Investimento e ámbitos de actuación

Cada un dos operadores realizará un mínimo de 2 prototipos, baseados en 5G, para abordar problemas actuais en ámbitos de interese para Galicia. O operador público Retegal será o coordinador na execución destes prototipos, poñendo a disposición dos operadores as súas infraestruturas.

Os tres operadores desenvolverán solucións en polo menos seis dos doce ámbitos identificados como prioritarios para Galicia no Plan 5G como a sanidade, a loita contra incendios, a industria, o vehículo conectado, o turismo ou a educación. O Nodo conta cun orzamento mínimo de 2 millóns de euros ata o 2020. Nos vindeiros meses concretaranse as primeiras propostas, que deberán ser validadas pola Comisión de Seguimento, polo que a previsión é que ao longo do vindeiro ano se vaian poñendo en marcha os primeiros prototipos

O Nodo de Cooperación 5G constitúese como punto de encontro entre desenvolvedores e demandantes de solucións desta tecnoloxía para actuar como concentrador dos retos derivados das demandas do mercado e as capacidades das empresas do ecosistema 5G de Galicia.

Plan 5G

A Xunta puxo en macha o pasado mes de xullo o Plan Galicia 5G, complementario ás medidas europeas e estatais, cun dobre obxectivo: por unha banda, que Galicia sexa das primeiras rexións europeas en dispoñer de servizos 5G e, por outra, que o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica en equipamento e software necesario para desenvolver posibles casos de uso desta tecnoloxía se localice na Comunidade.

Xunto coa creación do Nodo 5G o Plan prevé a elaboración dun modelo de ordenanza municipal tipo, promovido pola Xunta e a FEGAMP que facilite os despregamentos e a creación dun Plan de Formación Especializada 5G en colaboración coas Universidades e os axentes do ecosistema 5G.

5G Fortalezas do ecosistema 5G de Galicia

Galicia conta con diferentes capacidades para posicionarse no desenvolvemento de casos de uso que faciliten o despregamento destas redes nunha fase posterior. Unha destas fortalezas é o hipersector TIC galego, formado por preto de 3.400 empresas e máis de 21.000 profesionais cun valor engadido bruto duns 1.200 millóns de euros, un 2,1% do PIB galego.

Ademais, na Comunidade conta con universidades e centros tecnolóxicos galegos de primeira orde en ámbitos coma as telecomunicacións, supercomputación ou a automoción internacional.

Tamén existen proxectos innovadores directamente relacionados coas tecnoloxías 5G. É o caso do corredoiro entre Vigo e Oporto para realizar ensaios transfonterizos en torno ao vehículo conectado ou o existencia dun Consorcio Aeronáutico de Galicia e a Civil UAVs Initiative no polo das Rozas.

Ademais, Galicia é a terceira comunidade autónoma con máis cobertura de redes 4G, só por detrás de Madrid e País Vasco, o que pode facilitar a penetración futura de servizos 5G. A existencia dun operador público neutro, Retegal, con capacidade para facilitar e racionalizar os despregamentos de rede, é outro dos factores a favor da Comunidade.

6 de novembro de 2018 | 17:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.