publicidade hoxe

Conecta Peme mobilizará no Salnés case 4 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou esta mañá os 2,1 millóns de euros destinados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, para catro proxectos nos que participan 4 empresas de Vilagarcía e unha de Cambados, dentro da cuarta edición do programa Conecta Peme. En total, mobilízanse case 4 millóns de euros nesta comarca.

Segundo apuntou Cores Tourís, na actual convocatoria, mobilizaranse para toda Galicia, máis de 47M€ en 54 proxectos de innovación empresarial, no que o 93% das empresas beneficiadas son pemes.

O obxectivo desta iniciativa é incrementar a I+D+i empresarial en Galicia para o que se primou na selección dos proxectos o novidoso das tecnoloxías xeradas e a súa capacidade para poñer no mercado novos produtos e solucións que supoñan un avance significativo ou un alto impacto económico.

Estes 4 proxectos, están vinculados ao desenvolvemento experimental. Así, a empresa Thune Eureka participará no proxecto Am0diño, centrado no redeseño e fabricación de grandes compoñentes metálicos por fabricación dixital, xunto a outras 4 empresas de toda Galicia. Pola súa banda, Fundiciones Rey colaborará na iniciativa D3sfila, centrada no desenvolvemento dun sistema integral e eficiente para fabricación aditiva por láser con achega de fío multidireccional, no que tamén participan outras 4 empresas. As firmas vilagarcianas Tacore S.L. e Citega, S. L., forman parte do proxecto Emtys, que traballan, xunto a dous empresas viguesas, na investigación dun equipo mulitproceso térmico.

Finalmente, a emprea cambadesa Galventus Servicios Eólicos S.L. colaborará no proxecto Modulight, destinado a desenvolver un concepto de embarcación modular multi-propósito baseada en estruturas lixeiras e procesos de fabricación flexibles, xunto a outras tres firmas galegas.

Segundo explicou o delegado territorial, Conecta Peme está dirixido a proxectos que contan cun orzamento de entre 500.000 euros e 1,5 millóns, e é unha iniciativa que pretende estimular a innovación das pemes galegas para fortalecer a competitividade do tecido empresarial galego a través da cooperación entre os diferentes axentes, xa que cada proxecto conta coa participación de entre tres e seis empresas e pode incluír unha grande empresa. Ademais, optimízase o acceso ao financiamento ás pemes galegas, favorécese a transferencia de coñecemento ao mercado e foméntase a creación de emprego cualificado.

Desde a súa posta en marcha, no ano 2013, este programa está a mobilizar 150M€ en 187 proxectos de cooperación nos que están a participar pemes e centros tecnolóxicos e de investigación que están xerando a creación de 530 empregos en toda Galicia. Este programa compleméntase con Interconnecta que, desde 2011, tamén está a favorecer o desenvolvemento de 172 proxectos –que contan cun orzamento superior aos 1,5 millóns de euros– entre grandes consorcios de empresas e centros de coñecemento coa participación de 565 empresas galegas.

8 de novembro de 2018 | 17:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.