publicidade hoxe

A Xunta reforza a marca Artesanía de Galicia impulsando o seu recoñecemento como un sinónimo de calidade e de prestixio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a nova orde pola que se regula a concesión, uso e control da marca Artesanía de Galicia, unha norma que, segundo salientou no Parlamento a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, permite reforzar esta marca e o seu recoñecemento como un sinónimo de calidade e prestixio.

Así, a normativa, que hoxe se publica no Diario Oficial de Galicia, permite afondar na simplificación administrativa, suprimindo a necesidade de que os obradoiros de artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía teñan que solicitar formalmente o uso da marca. Ademais, simplifícanse tamén os trámites para solicitar o uso da marca por parte dos establecementos comerciais, que unicamente deberán presentar unha declaración responsable de que cumpren cos requisitos esixidos, e acreditar estar dados de alta no imposto de actividades económicas.

Esta normativa tamén permite reforzar a presenza de Artesanía de Galicia na comercialización dos produtos artesáns. Así, actualízase o manual de uso da marca, cun novo deseño de etiquetas intelixentes que levarán incorporado un sistema de código QR con información dixital sobre a persoa artesá e o produto, o proceso de elaboración, e os materiais.

Tal e como explicou Vázquez Abeal, tamén se establecen novos deseños de packaging e introdúcense elementos de identificación e sinaléctica para feiras e outros eventos artesanais, así como a regulación dos elementos de sinalización dixital. A Xunta complementará estas medidas con accións promocionais que se poñerán en marcha xa de cara ás compras do Nadal.

Segundo salientou a directora xeral de Comercio e Consumo, a Artesanía de Galicia é un sector en auxe no que traballan máis de 5.000 persoas e que cada día incorpora novo talento que contribúe a potenciar o valor do feito a man, mesturando o saber facer dos oficios tradicionais galegos cunha crecente aposta polo deseño, a creatividade e a calidade das pezas.

A Xunta traballa día a día por potenciar este sector, consciente, tal e como incidiu a directora xeral, da súa importancia non só económica senón tamén cultural e social, en tanto que a artesanía é sinónimo de xeración de novos empregos e oportunidades, especialmente no medio rural, ao tempo que contribúe á conservación do patrimonio.

Así, entre outras iniciativas, este ano púxose en marcha un programa pioneiro para potenciar o relevo xeracional na artesanía, promovendo programas de formación desenvolvidos no propio obradoiro e impartidos polos artesáns cunha duración máxima dun ano, no que xa están a participar 48 mozos e mozas de Formación Profesional, Deseño e Belas Artes.

Tamén se concederon máis de 800.000 euros en axudas ao sector artesanal, centradas en impulsar a mellora da comercialización, a visualización e a presenza nos mercados, e estanse a desenvolver cursos formativos dirixidos á especialización e ao perfeccionamento das técnicas dos artesáns galegos. Ademais, ata o vindeiro 16 de novembro está aberto o prazo de presentación de candidaturas aos premios Artesanía de Galicia.

8 de novembro de 2018 | 17:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.