publicidade hoxe

Xunta e Fundación Andrea traballan na mellora da calidade de vida de nenos e nenas con enfermidades de longa duración

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A conselleira de Política Social, Fabiola García, asinou esta mañá un convenio de colaboración coa Fundación Andrea para desenvolver un programa de soporte vital ás familias con nenas e nenos con enfermidades de longa duración ou terminais con escasos recursos económicos.

O obxectivo do mesmo é dispensar a axuda necesaria para que estas familias poidan facer fronte aos gastos que se produzan polo tratamento médico dos menores tanto no fogar familiar como nos distintos hospitais de España. Ao abeiro deste acordo, a Fundación Andrea poderá ofrecer axudas para os tratamentos de fisioterapia e hidroterapia; para terapia familiar, psicoterapia e logopedia; e facilitará os traslados dos nenos e nenas aos hospitais que precisen para recibir os seus tratamentos, así como a súa manutención. Ademais, a fundación ofrecerá axudas para tratamentos de musicoterapia, o que representa un importante vehículo de comunicación para pequenos con necesidades especiais.

A Xunta de Galicia destinará 10.000 euros para os fins anteriormente indicados. Fabiola García agradeceu á Fundación Andrea o seu labor dirixido ao benestar dos nenos e nenas con enfermidades de longa duración e das súas familias ofrecéndolles solucións e axudas ante situacións de carencia.

23 de outubro de 2018 | 16:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.