publicidade hoxe

Sanidade multiplica por sete a participación social no ámbito sanitario coa creación dos Consellos Asesores de Pacientes de Área

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica na súa edición de hoxe a orde que regula a composición e o réxime de funcionamento dos Consellos Asesores de Pacientes de Área; unha figura contemplada na modificación da Lei de Saúde e coa que a Consellería de Sanidade consolida o seu compromiso dunha maior participación social na xestión no ámbito sanitario público de Galicia. Coa publicación desta orde dáse soporte legal e formalízase a creación deste tipo de órganos consultivos en cada unha das áreas sanitarias.

Cada unha das sete áreas sanitarias de A Coruña e Cee, Santiago de Compostela e Barbanza, Ferrol, Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ourense, Verín e Barco de Valdeorras; Pontevedra e Salnés, e Vigo contarán nas súas estruturas directivas con estes novos órganos colexiados de carácter consultivo. Estes órganos veñen a completar as funcións que ata o de agora se desenvolvían a nivel autonómico no Consello Asesor de Pacientes de Galicia.

Os Consellos Asesores de Pacientes de Área configúranse como órganos de participación das asociacións nas que se agrupan os pacientes, canalizando a participación dos doentes e das súas familias (ou das persoas que os representen ou que se responsabilicen do seu coidado), coa finalidade de participar e colaborar na mellora da calidade da asistencia sanitaria.

Os Consellos Asesores de Pacientes de Área, permitirán aos pacientes, a través das súas asociacións, ter maior voz e voto, e asesorar a través destes órganos, sobre aspectos como a asistencia sanitaria, a prevención da enfermidade ou o deseño dos espazos dos centros sanitarios para a mellora da súa accesibilidade e funcionamento. Tamén poderán realizar propostas que poidan contribuír á mellora da atención e coidados dos pacientes, asesorar sobre os contidos das guías de información dirixidas a pacientes ou na mellora da información da seguridade, entre outros.

Composición e funcionamento

No tocante á súa composición e funcionamento, a orde publicada no DOG de hoxe estipula que estes órganos colexiados de carácter consultivo reuniranse polo menos unha vez ao ano. Estarán integrados tanto por membros da estrutura directiva da correspondente área sanitaria así como por membros das asociacións de pacientes.

A presidencia dos Consellos Asesores de Pacientes de Área corresponderá á persoa titular da xerencia de cada área sanitaria e a secretaría, estará ocupada por unha persoa da xerencia desa área sanitaria con condición de empregado público. Mentres que os vogais serán os titulares dos órganos unipersonais de dirección que correspondan a cada estrutura de xestión integrada e os representantes propostos por cada unha das asociacións de pacientes de carácter sanitario que desenvolvan a súa actividade no ámbito territorial de cada área sanitaria.

Os Consellos Asesores de Pacientes de Área deberán informar dos acordos adoptados ao Consello Asesor de Pacientes de Galicia, así como, con carácter previo, de calquera resolución, circular ou instrución que por parte das Xerencias das estruturas organizativas de xestión integrada que se poidan tomar e que se deriven dos acordos adoptados polos consellos de área.

A participación social no ámbito sanitario é un dos principios reitores do sistema público de saúde, ratificado na modificación realizada na Lei de Saúde que entrou en vigor o pasado 30 de abril. A creación dos Consellos Asesores de Pacientes de Área enmárcase neste contexto e súmase a outras iniciativas postas en marcha nesta liña pola Consellería de Sanidade como son o Consello Asesor do Pacientes ou a Escola Galega de Saúde.

31 de outubro de 2018 | 16:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.