publicidade hoxe

Os produtos galegos da horta están presentes en Madrid na feira Fruit Attraction

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+

Os produtos galegos da horta están presentes na feira Fruit Attraction de Madrid da man da Consellería do Medio Rural, co fin de promocionar estes produtos de gran calidade e poder ampliar os mercados de exportación a nivel nacional e internacional. E precisamente para apoiar ás empresas participantes, os directores xerais da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, e de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, trasladáronse á capital para achegarse a esta décima edición do certame.

En total son 12 as empresas que participan nesta feira no stand institucional de Galicia de 128 metros cadrados, o dobre de industrias que se achegaron o pasado ano. Este incremento débese ao éxito acadado na anterior convocatoria, que contou cun total de 1.600 empresas expositoras e 70.000 profesionais de 120 países. “A través deste certame damos a coñecer os produtos de gran calidade que temos nun sector fundamental para a economía galega como é a agricultura”, destacou o director da Agacal, quen sinalou que a promoción dos produtos é vital para chegar a novos mercados e consolidar así o prestixio da gastronomía galega. Pola súa parte, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias lembrou que a consellería está traballando na posta en marcha do selo de calidade Horta de Galicia, que amparará todas estas producións na nosa comunidade e evitará desta forma posibles enganos ao consumidor sobre a orixe do produto.

Empresas participantes

Nesta décima edición de Fruit Attraction participan un total de 12 empresas galegas xunto cos consellos reguladores de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) e das indicacións xeográficas protexidas Castaña de Galicia e Pataca de Galicia. Así, está presente a industria Val do Traba (Noia), especializada en sidras e doces de froitas, así como hortalizas, algas e licores; e Porto Muíños (Cerceda) que tamén está especializada en algas e vexetais de costa.

A empresa Froitas do Rosal, do concello homónimo, produce mirabel fresco e produtos transformados bio, mentres que as sociedades Horsal SCG (Cambados), Hortícolas Galegas (Xinzo de Limia), Hortoverín (Oímbra) e Legufrut Agro (San Cibrao das Viñas) se dedican ao cultivo de todo tipo de produtos hortícolas. Tamén participa Patatas Conde (Xinzo de Limia), que produce patacas para consumo fresco e industria.

23 de outubro de 2018 | 16:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.