publicidade hoxe

O sector vitivinícola acada a segunda colleita máis abundante da historia con 64 millóns de quilos de uva

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, tras coñecer o informe sobre o balance da vendima deste ano, que as cinco denominacións de orixe recolleron máis de 64 millóns de quilos de uva de moi boa calidade en xeral do que: o 83,5% corresponde a variedades brancas (máis de 53 millóns de quilos) e o 16,5% a variedades tintas (máis de 10 millóns de quilos). Unhas cifras que sitúan a vendima de 2018 como a segunda máis abondosa da historia, só por detrás da vendima de 2011; e colócase un 9,7 % por riba da media do decenio 2009-2018.

Por denominacións de orixe, Feijóo explicou que Rías Baixas foi a que máis uva recolleu (o 60 %), seguida polo Ribeiro (14 %), Ribeira Sacra (case o 10 %), Valdeorras (7 %) e Monterrei (case o 9%).

Logo de subliñar que a produción de uva foi superior nun 4,3 %, con respecto ao ano anterior, pasándose de 61 millóns de quilos a 64 millóns, o presidente da Xunta precisou que Rías Baixas segue liderando, desde hai algo máis dunha década, o baremo de produción.

E, no que respecta ás variedades, aquelas de cultivo tradicional, potencialmente produtoras de viño de calidade, seguen ocupando un peso fundamental no conxunto da vendima: a albariña representa un 71 % da uva branca total; a treixadura e o godello supoñen, respectivamente, máis dun 10 % da uva branca total; e a mencía comprende case o 80% da uva tinta total.

Tras a D.O. das Rías Baixas atópase a do Ribeiro, a segunda en canto a volume colleitado (case 9 millóns de quilos de uva). E a terceira denominación que máis uva recolleu é a de Ribeira Sacra, con máis de 6 millóns de quilos de uva; unha cantidade que supón case un 12% máis que o ano pasado e un 9,5% por riba da media do período 2009-2018.

A D.O. Valdeorras tamén aumentou a súa produción este ano, ao recoller máis de 4 millóns de quilos de uva. E a D.O. Monterrei, que recolleu máis de 5 millóns de quilos de uva, experimentou o maior incremento –case un 94 % con respecto ao ano anterior- e, de feito, esta colleita representa un 173 % da media das colleitas dos últimos dez anos.

En total, na vendima deste ano, participaron un total de 447 adegas e máis de 10.300 viticultores.

Feijóo concluíu lembrando que as cinco denominacións de orixe comercializaron na última campaña máis dun 7 % de viño cualificado que na anterior. E, na campaña 2016-2017, comercializaron no mercado exterior case 78.000 hectolitros, un 18,2% da produción total comercializada, o que supón un valor económico de case 40 millóns de euros.

31 de outubro de 2018 | 16:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.