publicidade hoxe

O orzamento de Sanidade para o vindeiro ano é de 4.000 millóns de euros, a cifra máis alta da historia da Comunidade Autónoma

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Vázquez Almuiña no Parlamento

Vázquez Almuiña no Parlamento

No ano 2019 a Xunta de Galicia dedicará a sanidade case 4.000 millóns de euros, en concreto 3.984 millóns, a cifra máis alta da historia da nosa Comunidade Autónoma. Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, quen compareceu na Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia para detallar as contas do seu departamento para o vindeiro ano. Estes preto de catro mil millóns supoñen un incremento de 127 millóns respecto do ano pasado, é dicir, un 3,3% máis.

Almuiña subliñou no Parlamento que para os profesionais o seu departamento destina máis do 43% do orzamento, en concreto 1.695 millóns de euros, 50,4 millóns máis que o ano anterior, e anunciou unha oferta pública de emprego para antes de finalizar 2018, para executar en 2019, co que mantense o compromiso dunha oferta de emprego no Sergas de 5.000 prazas no período 2017-2020. Tamén remarcou que o incremento de 50,4 millóns se destinarán sobre todo ao recoñecemento da carreira profesional dos empregados do Sergas e ao aumento do 2,4% de incremento retributivo lineal.

Na súa intervención, o titular de Sanidade anunciou o desenvolvemento do Primeiro Plan de Igualdade entre mulleres e homes no Sergas que, despois dun diagnóstico de situación en distintas áreas da organización, definirá medidas específicas na selección e promoción profesional, na política salarial, na formación, na ordenación do tempo de traballo e a conciliación, e, ademais, en situacións de especial protección como no caso da violencia de xénero. O obxectivo é acadar a igualdade efectiva de trato e de oportunidades entre mulleres e homes.

Entre as medidas destacadas por Almuiña cómpre remarcar a mellora no acceso á atención farmacéutica, coa previsión da apertura de novas oficinas de farmacia. Está en marcha o concurso público que permitirá a apertura de 41 ao longo do vindeiro ano, potenciando esta atención no rural galego (20 no rural, 14 en semi urbanas e 7 en urbanas).

No apartado de vacinas, que ten un incremento de 3 millóns de euros nas partidas destinadas á compra, darase un impulso especialmente no referido ao calendario de vacinación do adulto, incluíndo novos grupos de risco a vacinar, especialmente coa vacina do virus do papiloma humano para menores de 26 anos, homes e mulleres VIH positivos ou homes que teñen sexo con homes. O maior incremento neste apartado, segundo expresou o conselleiro, débese a ampliación do uso da vacina antigripal tetravalente, que se utiliza por primeira vez na campaña da gripe deste ano, para asegurar unha mellor protección contra a gripe aos grupos de maior risco (nenos, embarazadas e pacientes crónicos).

Os programas de cribado poboacionais continuarán o seu proceso de mellora constante co cribado de cancro de colon implantado xa en todas as áreas sanitarias e procederase ao inicio do cribado de cérvix.

Maior participación social

O vindeiro ano terá a súa implantación definitiva a normativa que regula a composición e o funcionamento dos Consellos Asesores de Pacientes de área. Esta normativa publicarase esta mesma semana. Con esta medida, Sanidade consolida o firme compromiso deste Goberno coa maior participación social.

Segundo o conselleiro, o paciente crónico e pluripatolóxico será unha prioridade, o mesmo que as persoas con patoloxías oncolóxicas, con enfermidades raras e aquelas outras con patoloxías que polo seu especial impacto social ou asistencial deben contar cunha abordaxe individualizada. Os anciáns, embarazadas e nenos tamén serán destinatarios principais das liñas de acción do Sergas no 2019, coa provisión duns servizos e prestacións sanitarias efecticas e de calidade coherente ás súas necesidades.

O conselleiro considerou un orgullo para Galicia a resposta do noso sistema sanitario público ao compromiso adquirido co desenvolvemento do sistema de garantía de tempos máximos, coa entrada en vigor no mes de xaneiro, e que supuxo que 36.425 pacientes se acolleran a esta garantía, aos que se lle deu resposta en prazo e forma, sen necesidade de derivar ningún doente a un centro concertado ou privado.

O titular da carteira sanitaria fixo tamén unha mención expresa á saúde mental infanto xuvenil e anunciou a posta en funcionamento dunha unidade de saúde mental de ingreso en Vigo. Ademais, dixo que hai un grupo interdisciplinar de profesionais traballando no Plan galego de Saúde Mental, renovando e poñendo ao día as necesidades que teñen as persoas con esta enfermidade, e establecendo as liñas estratéxicas máis importantes para executar nos vindeiros anos.

Almuiña destacou que en Farmacia o investimento chega case aos 1.200 millóns, 44 millóns máis que no ano 2018. Neste senso, polo que atinxe ao acceso aos medicamentos, en fármacos de uso hospitalario, nas terapias de oncohematoloxía, novas terapias biolóxicas e enfermidades raras, cóntase cun incremento de 33 millóns de euros máis respecto do ano anterior, chegando a un total de 454 millons de euros. Mentres que en farmacia extrahospitalaria destínase un total de 739 millóns de euros, 11 millóns máis que no ano 2018.

O ano 2019 será tamén o da entrada en funcionamento do Rexistro galego de pacientes con enfermidades raras e o de mellora e extensión da hospitalización a domicilio coa definición do Plan estratéxico de hospitalización a domicilio, co obxectivo de normalizar as actuacións de cada proceso clínico e establecer criterios homoxéneos e procesos comúns para todas as áreas.

Así mesmo, o conselleiro anunciou o fomento da atención a domicilio dende atención primaria co establecemento dun programa de consultas ao domicilio para pacientes inmobilizados.

Investimentos en hospitais e centros de saúde

O capítulo de investimentos é o que máis crece, concretamente 18 millóns, case que un 15% máis que o ano anterior. A construción e actualización de equipamentos na atención hospitalaria para o vindeiro ano supora 44,1 millóns de euros, dos que un millón serán para a fase inicial do novo Hospital da Coruña; 10,2 para o novo Hospital de Ferrol; 1,9 para o Hospital de Santiago para o proxecto da ampliación e a nova Facultade de Medicina; e 1,4 para ampliación do Hospital da Barbanza.

Continuarase, dixo o conselleiro, coa ampliación do Hospital da Mariña e destinaranse 5 millóns para o hospital de Ourense. Na área de Vigo realizaranse as obras de reforma do Hospital do Meixoeiro e destinaranse 12,3 millóns para a ampliación do Gran Montecelo. Haberá tamén actuacións de mellora por valor de preto de 2,1 millóns de euros nos hospitais comarcais.

Para atención primaria, o conselleiro anunciou unha partida de 18,7 millóns de euros destinados a construción e equipamento de centros de saúde. Así finalizarase a construción e equipamento nos concellos de Gondomar, Ames (Milladoiro), A Estrada e o Punto de Atención Continuada de A Laracha.

Faranse novos centros en O Saviñao, Melide, e Bouzas (Vigo). Reformarase o centro de saúde de Pazos de Borbén e mellorarase a eficiencia enerxética dos de Mugardos, As Pontes e Arnoia

Continuarase coa execución, xa iniciada no 2018, dos centros de Narón, Paderne de Allariz, Salceda de Caselas e Pereiro de Aguiar, así como o Centro Integral de Saúde (CIS) do novo Barrio da Residencia de Lugo. Tamén se consignan fondos para iniciar a redacción de novos proxectos para a construción de centros de saúde que se consideren necesarios no momento en que se dispoña das parcelas para o CIS en Lalín, o CIS de Cangas-Moaña, o centro de saúde de Moaña, o centro de saúde de Santa Lucía, en A Coruña, o de Caldas de Reis e o de Poio.

30 de outubro de 2018 | 16:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.