publicidade hoxe

O obradoiro ‘Serra do Faro IV’ comeza en Carballedo e Chantada e suporá a contratación de 24 persoas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballedoChantadaLocal PortadaLugo
A-
A+

O obradoiro de emprego Serra do Faro IV, promovido polo Concello de Carballedo xunto co de Chantada, dará comezo mañá. O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, subliñou que esta iniciativa supón a contratación de 24 persoas, das que 20 son alumnos traballadores que recibirán formación teórica e práctica que lles permita obter un certificado de profesionalidade. O resto dos contratos son para persoal de dirección, administración e monitores.

Balseiro sinalou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria realiza un investimento de 288.800 euros neste proxecto. Ademais, ao tratarse dun obradoiro dual, os promotores reciben tamén apoio para incentivar a contratación laboral de 11 alumnos e alumnas en empresas da zona.

A modalidade dual é a principal novidade desta convocatoria e fai posible que os participantes combinen o contrato de formación e aprendizaxe no obradoiro durante nove meses coa posibilidade dun contrato posterior nunha empresa de polo menos tres meses máis.

Doce dos alumnos traballadores participarán na especialidade de ‘Pavimentos e albanelería de urbanización’, e o resto nas de ‘Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería’ e ‘Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes’.

No municipio de Carballedo está previsto levar a cabo o acondicionamento da área recreativa da Barrela e traballos no monte veciñal en man común de Penaboa-Furco. Os proxectos en Chantada céntranse na rexeneración de beirarrúas e zonas verdes da Avenida de Monforte, labores de acondicionamento nos Codos de Belesar e tarefas de mantemento do monte San Lucas e de xardíns municipais.

Durante estes días estanse a poñer en marcha a totalidade dos 20 obradoiros previstos na provincia de Lugo, dous deles para menores de 30 anos -ambos xa iniciados, en Lugo e Ribadeo-. En total, involucran a 50 concellos, supoñen un investimento da Xunta de 5,5 millóns de euros e suman 472 contratacións.

30 de outubro de 2018 | 16:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.