publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O obradoiro “Reserva da Biosfera” formará a 20 alumnos cun apoio da Xunta de máis de 288.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaAbegondoLocal Portada
A-
A+
Ovidio Rodeira na visita ao obradoiro

Ovidio Rodeira na visita ao obradoiro

O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, asistiu en Abegondo ao inicio do obradoiro de emprego que organiza este concello e no que a Xunta de Galicia investirá 288.000 euros para formar a 20 alumnos. Concretamente, é promotor do curso “Reserva de Biosfera: emprego no rural”, que comparte cos concellos de Bergondo, Carral, Oza-Cesuras, Betanzos, Coirós e Paderne. O proxecto contempla unha formación conforme aos certificados de profesionalidade de Fruticultura e actividades auxiliares en viveiros e xardíns. O persoal encargado deste obradoiro son un director, 3 docentes, un mestre-titor e un administrativo. No acto o representante do goberno autonómico estivo acompañado polos alcaldes que participan neste obradoiro.

Na área de Fruticultura acondicionarase o de lugar de Beche-Folgoso, instalarase un sistema de rega no invernadoiro de Mero e farán prácticas co manexo de árbores na finca Aquelabanda de Sarandós en Abegondo. En Carral procederase ao mantemento de árbores froiteiras e a recolección na zona verde do polígono de Capelos. Finalmente, en Paderne procederase a plantación de cepas e cultivo na finca de viticultura “Leira Grande do Portelo” e se plantarán árbores froiteiras no lugar de “O Pedregoso”.

Na área de Actividades auxiliares en viveiros e xardíns mellorarase o campo da Feira de San Marcos e acondicionaranse os xardíns na Casa do Concello de Abegondo. En Bergondo farase a conservación dos xardíns da Casa do Concello, da Policía, do edificio de Servizos Sociais e da Casa da Cultura. Ademais, en Carral farase o mantemento do invernadoiro municipal, crearase unha zona verde en Os Capelos e farase o mantemento do xardín municipal do complexo deportivo.

Ovidio Rodeiro destacou “a importancia destes cursos e a boa acollida que teñen entre os alumnos porque o nivel de reinserción laboral é moi alto e en moitos casos os participantes atopan traballo durante a celebracións dos mesmos porque se centran en ámbitos con amplía demanda laboral”. Ademais, engadiu, “as empresas locais xa coñecen o éxito e a boa calidade da formación que se imparte polo que ven estes cursos moi atractivos para atopar xente ben formada nas áreas que lles interesan”.

Os municipios da área da Coruña contan este ano cun total de 11 obradoiros de emprego, 9 deles de carácter dual, onde participarán alumnos e alumnas de calquera idade e 1 de Garantía Xuvenil, para mozos e mozas menores de 30 anos. Mediante estas iniciativas a Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá en políticas activas de emprego na comarca 3,1 millón de euros.

O resto de obradoiros duais teñen lugar en Cambre; A Coruña; Miño, compartido con Paderne e Pontedeume; Irixoa, compartido con Aranga, Monfero e Vilarmaior; Oleiros; Betanzos, compartido con Abegondo, Carral, Coirós e Paderne; Oza-Cesuras, compartido con Coirós;; Culleredo e Sobrado compartido con Curtis, Vilasantar. Pola súa banda, o obradoiro do Sistema de Garantía Xuvenil, realizase en Betanzos, compartido con Coirós, Abegondo e Paderne.

Estes obradoiros permiten que un total de 216 persoas desempregadas se formen nun oficio mentres realizan tarefas en beneficio de espazos e instalacións públicas. Os participantes recibirán un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado. A duración dos obradoiros xerais é de 9 meses e os de Garantía Xuvenil de 6 meses

A principal novidade é que os participantes nos obradoiros duais poden combinar un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses, cun contrato en prácticas, de como mínimo tres meses máis, nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro. O obxectivo é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente os do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación.

A nivel provincial, os 38 obradoiros de emprego que se organizan na Coruña permiten a formación de 682 alumnos-traballadores, grazas a un investimento de máis de 9,3 millóns de euros

Os obradoiros céntranse na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral. Esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios recibirán formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos.

18 de outubro de 2018 | 16:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.