publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Mundial de Xadrez Cadete trae á Cidade da Cultura a máis de 800 novas promesas de 85 países

Presentación do Mundial de Xadrez Cadete

Presentación do Mundial de Xadrez Cadete

A Cidade da Cultura será sede no mes de novembro do Campionato Mundial de Xadrez das categorías sub-8, sub-10 e sub-12, evento que reunirá do 3 ao 16 de novembro a máis de 800 novas promesas deste deporte no Gaiás. Desde a organización do torneo quixeron destacar a elevada participación de países no campionato, a máis numerosa dos tres mundiais da categoría cadete que se teñen celebrando ata agora.

Os detalles da competición déronse a coñecer hoxe nunha rolda de prensa na Cidade da Cultura, na que participaron o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez González, o alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, a secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, e os presidentes das Federacións Española e Galega de Xadrez, Javier Ochoa Echangüen e Gaspar Pérez Carnero.

A día de hoxe inscribíronse no Campionato Mundial 834 nenos e nenas de 85 países, que competirán nas catro categorías do torneo (sub-8, sub-10, sub-12, absoluto e feminino). A previsión é acadar os 850 inscritos de 88 países. Polo que respecta á representación galega, participarán no torneo 69 xogadores, procedentes das catro provincias galegas.

Catrocentas partidas simultáneas

Cada día disputaranse 400 partidas simultáneas no Museo Centro Gaiás, que poderán seguirse en directo desde o espazo habilitado no exterior do museo e tamén vía streaming na web do campionato (www.wccc2018.com).

Román Rodríguez subliñou a relevancia de que Galicia e Santiago de Compostela fosen elixidas como sede deste campionato. “Somos un país preparado para acoller e organizar citas do máximo nivel”, afirmou. “Acoller unha cita como o Mundial de Xadrez demostra que Galicia é un destino idóneo para grandes eventos e que conta con infraestruturas, dotacións, loxística e con profesionais cualificados para poder levalos adiante con éxito”.

A escolla da Cidade da Cultura como sede reafirma tamén a capacidade e o atractivo do complexo do Gaiás para a celebración de citas internacionais tanto deportivas como profesionais e culturais. Ademais deste torneo, a Cidade da Cultura é este ano co-organizadora da YAMsession 2018, o encontro máis importante a nivel europeo para os profesionais que traballan no sector da música dirixida ao público infantil e xuvenil.

Binomio turismo e deporte

O evento traerá a Santiago e á Cidade da Cultura arredor de 1.900 persoas e para moitas delas será tamén a primeira vez que visitan Galicia. O conselleiro de Cultura e Turismo fixo fincapé no “binomio que se establece entre deporte e turismo, en forma de beneficios económicos inmediatos para toda a cadea de valor do sector turístico, pero tamén en forma de imaxe e proxección de marca”.

Neste sentido, os participantes no Mundial de Xadrez terán ocasión de visitar non só Santiago, senón outras cidades e lugares de gran valor paisaxístico, natural, arquitectónico e cultural. “É moi bo que estes rapaces e as súas familias coñezan Galicia”, afirmou Román Rodríguez, e tamén que o fagan fóra das datas estivais, “apostando pola desestacionalización e poñendo en valor o noso país como destino turístico durante todo o ano”, engadiu.

No aspecto deportivo, durante o Mundial realizaranse na Cidade da Cultura cursos e seminarios impartidos por árbitros e adestradores cos que se poderán obter as máximas titulacións que outorga a Federación Internacional de Xadrez.

O Campionato Mundial de Xadrez Cadete está organizado polas federación galega e española de Xadrez, co apoio da Fundación Cidade da Cultura e da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Deputación da Coruña e o Consejo Superior de Deportes.

Torneo de promoción

Coa intención de ir quentando motores de cara á celebración do Campionato Mundial, a Cidade da Cultura acolle o 27 de outubro o último torneo do XIII Circuíto Galego Promoción 2018. Nesta competición participarán arredor dun centenar de nenos e nenas das categorías sub-8 a sub-14.

O Circuíto Galego de Promoción naceu co obxectivo achegar e impulsar a afección polo xadrez entre os rapaces e rapazas máis novos de toda Galicia, promovendo o espírito deportivo fronte á competitividade. No ano 2018 este circuíto integrou un total de 18 torneos impulsados por clubs, institucións e organismos que apostan por promover o deporte base en Galicia, obxectivo ao que se suma agora a Fundación Cidade da Cultura co gallo da celebración do Campionato Mundial Cadete no Gaiás.

15 de outubro de 2018 | 13:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.