publicidade hoxe

Nava Castro comparte co sector público e privado de Pontevedra o seu permanente compromiso co desenvolvemento turístico da provincia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPontevedraPortada esquerda
A-
A+
Mesa Provincial de Turismo  da Deputación de Pontevedra

Mesa Provincial de Turismo da Deputación de Pontevedra

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe na Mesa Provincial de Turismo da Deputación de Pontevedra, un encontro que serviu para compartir co sector público e privado os avances e oportunidades do modelo turístico galego especialmente nesta provincia. Da man da Estratexia de Turismo de Galicia 2020 estase consolidar a Comunidade como un destino de calidade, responsable e diversificado, que potencia e pon en valor os recursos propios repartidos por todo o territorio.

Durante o encontro, a representante da Consellería de Cultura e Turismo referiuse a esta consolidación que vive o turismo en Galicia, despois dun lustro de intensos crecementos. Nun contexto como actual, cunha moderación xeneralizada da demanda, a Comunidade segue a avanzar en variables, se cabe, aínda máis importantes desde o punto de vista cualitativo, como a estadía media ou as tarifas hoteleiras. Salientou a importancia da coordinación, así como a longa carreira de fondo e os anos de intenso traballo, que están a dar os seus froitos.

Tamén se puxo de manifesto a importancia turística da provincia de Pontevedra que, segundo os últimos datos feitos públicos polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e referidos á demanda hoteleira, concentra xa o 40% dos visitantes que chegan a Galicia. Uns datos oficiais, dixo, “que empregamos desde o rigor e seriedade”, explicou. Sen ser allea á moderación xeral da demanda, Pontevedra conseguiu rexistrar ata setembro o seu segundo mellor ano, con algo máis de 2,7 millóns de pernoitas nos hoteis e pensións. Modérase a chegada de viaxeiros nacionais e ascende a dos internacionais, mercado que medrou máis dun 6%, acadando así máximos históricos.

A Mesa Provincial do Turismo da Deputación de Pontevedra serviu, ademais, para que o Goberno galego puidese compartir cos membros do sector e das administracións participantes o seu compromiso permanente con esta provincia e tamén para escoitar e poñer sobre a mesa as demandas e necesidades dos profesionais e administracións participantes. A importancia de establecer sinerxías en materia de calidade, a importancia turística do Big Data e a oportunidade de desestacionalización aproveitando a potencialidade como destino vitivinícola, foron algún dos asuntos que centraron o encontro.
Durante o encontro tamén se instou a fortalecer lazos de colaboración en diferentes asuntos estratéxicos para seguir afondando na competitividade turística da provincia de Pontevedra “que é, a competitividade de toda Galicia”, indicou Nava Castro recordando que “desde a nova Consellería de Cultura e Turismo collemos agora impulso para poder conseguilo e será clave sumar sinerxías con todas as administracións e co sector”.

Aposta por Pontevedra

No que se refire ao compromiso con esta provincia, no eido xacobeo, o Goberno galego está a priorizar este 2018 os investimentos no Camiño Portugués e no Camiño Portugués da Costa, -dous dos catro itinerarios que atravesan esta provincia- cun orzamento de 2,4 millóns de euros.

Amais, a Consellería de Cultura e Turismo está a avanzar para pór en marcha o primeiro establecemento da rede pública de albergues do Xacobeo no Camiño Portugués da Costa ao seu paso por Vigo. Tamén se inclúen os traballos de sinalización das rutas dos viños así como o apoio económico e promocional ás festas de interese turístico de Pontevedra, as axudas aos municipios para a contratación de persoal nas súas oficinas de turismo durante o verán, os convenios asinados durante este ano con diversas entidades supramunicipais tanto da costa como do interior da provincia ou as axudas das que se beneficiarán os concellos para a mellora das infraestruturas turísticas.

25 de outubro de 2018 | 16:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.