publicidade hoxe

Medio Ambiente suma un novo esforzo na rehabilitación da área do conxunto histórico de Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaLugoPortada dereita
A-
A+

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou esta mañá que a Área de Rehabilitación do Conxunto Histórico de Lugo recibirá un novo pulo coa achega de máis de 322.000 euros, dos que 140.000 euros son fondos propios do departamento que dirixe.

A conselleira de Medio Ambiente, que visitou esta mañá as actuación de mellora que se están a levar a cabo no barrio da Tinería, recordou que a Xunta reservou esta partida para Lugo, da convocatoria de fondos correspondentes ao actual exercicio para as áreas de rehabilitación integral. Indicou que o seguinte paso será a sinatura do convenio de colaboración, que recolle un investimento global de máis de 322.000 euros, tendo en conta a participación do Estado.

Vázquez Mejuto salientou que as áreas de rehabilitación son unha peza fundamental na política de vivenda deseñada pola Xunta; tal e como demostran as 69 áreas de rehabilitación declaradas en 41 concellos de Galicia a día de hoxe, que se elevan a 107 concellos, si se suman as áreas dos Camiños de Santiago, é dicir, máis do 40% dos concellos galegos contan polo menos cunha área de rehabilitación.

No caso concreto de Lugo, o Goberno galego achegou máis de 2,60 millóns de euros para a ARI do Sagrado Corazón e para a ARI do Conxunto Histórico dende a declaración destas áreas. Unha liña de acción que permite recuperar e mellorar o xa construído, xerar un número de postos de traballo significativamente superior á nova construción de vivendas e reduce a presión urbanizadora sobre a contorna.

Destacou que onte mesmo o Consello da Xunta autorizou a sinatura dos convenios de colaboración que permitirán ao Goberno galego repartir case 18 millóns de euros para actuar en 54 áreas de rehabilitación de 35 concellos galegos e -así- sumar novas iniciativas e incrementar o parques de vivendas nas que se actuou que ascende a máis de 12.000 desde a creación das áreas integrais, co fin de que as galegas e os galegos acaden as mellores condicións de vida nunhas vilas e cidades coidadas e humanizadas.

Recuperación da Tinería

A conselleira de Medio Ambiente visitou as obras da Tinería-15, que comezaron esta semana- e ás que se destina un orzamento de 700.000 euros, para dispor de 5 vivendas de promoción pública e un local en planta baixa.

Esta actuación súmase ás iniciadas en setembro, na Tinería-30, Recanto do Miño-17 e Recanto do Miño-11-13; polo que no cómputo global estas suman un total de 1,20 millóns de euros que darán como resultado nove novas vivendas de promoción públicas e dous locais máis á disposición dos veciños.

A conselleira reiterou o esforzo do Goberno galego por mellorar o estado deste barrio tán emblemático de Lugo, un compromiso que queda patente nos orzamentos en firme que a Xunta de Galicia ten comprometidos para A Tinería, máis de 26 millóns de euros para obter 96 vivendas, 25 locais e 2 edificios de oficinas, contabilizando actuacións acabadas e en execución.

Por último, destacou que outro elemento que potenciará esta liña de traballo será a futura Lei de Rehabilitación, un texto que se atopa en tramitación e co que se pretende mellorar e axilizar os procedementos e trámites necesarios. “O Goberno galego quere que a rehabilitación de vivendas resulte cada vez máis atractiva para os cidadáns e as medidas adoptadas nesta materia sexan máis eficaces”, defendeu, e explicou que actualmente existen dúas vías para levar adiante accións de rehabilitación: por medio de axudas aos propietarios de vivendas ou con actuacións de urbanización e reurbanización que leve a cabo o concello.

19 de outubro de 2018 | 12:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.