publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Marta Míguez participa na inauguración oficial da exposición ‘Lendas’ do Museo do Deporte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaDeportesDeportes PortadaLocal Portada
A-
A+

A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, acompañada polo delegado territorial da Xunta na provincia, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá o Museo do Deporte onde participou na inauguración oficial da exposición ‘Lendas’ que recolle uns 500 obxectos símbolo das grandes xestas do deporte e na que ademais nomeouse a Sofía Toro -medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de Londres en 2012- embaixadora da mesma. Ademais na súa visita cedeu ao museo como parte do seu contido expositivo durante a duración da exposición a xavelina coa que bateu o récord nacional nos Campionatos de España de Atletismo disputados en Valencia en 2001 (59,43 m).

A responsable do Deporte galego salientou a importancia deste tipo de iniciativas que “achegan o deporte á nosa comunidade e que benefician a todos os cidadáns xa que o deporte é vehículo para fomentar unha vida máis activa e saudable pero tamén unha ferramenta importante de educación e valores”. Por iso, animou a que os “pais, nais, titores e titoras visiten esta exposición cos nenos e nenas para que estes coñezan as metas que superaron estes deportistas e que lles sirva de motivación para as súas vidas e para formular as súas propias metas”. “Queremos contribuír ao éxito da nosa xuventude e que aqueles que o desexen e reúnan as cualidades precisas poidan ter algún día algunha das súas prendas nunha exposición coma esta e sentir a responsabilidade de converterse en exemplo e motivación para os nenos e nenas de xeracións vindeiras”, dixo, aludindo unha vez máis a esta característica de “espazo motivacional” coa que conta o Museo do Deporte.

Ao fío desta idea, a secretaria xeral asegurou que “o deporte achega garantías para a consecución das nosas metas e constitúe un valor engadido para os mozos e mozas de hoxe que serán os adultos do mañá”. A titular da carteira autonómica de Deporte destacou que “os mozos e mozas galegos poden ter a certeza de que o Goberno galego seguirá a traballar con convicción na protección integral a atención total ao deportista de alto nivel” e manifestou o seu desexo de que o borrador do decreto de deportistas de alto nivel de Galicia “sexa aprobado este mesmo ano”.

Respecto ao papel feminino na exposición, Marta Míguez destacou que “as mulleres estamos a conquistar pouco a pouco ámbitos reservados para os homes ao longo da historia e Galicia conta cunha gran selección de mulleres que xa son referentes e exemplos para os nenos e as nenas que queren triunfar no deporte”. “Desde a Xunta de Galicia apoiamos un deporte transmisor de valores e vía de formación, igualador, que exporta unha imaxe positiva das mulleres, que enriquece á sociedade e que é motor de cambio social. Ese é o deporte que queremos en Galicia”. engadiu.

Ata o 20 de decembro

O Museo do Deporte comonse de oito áreas cunha superficie de ao redor de 2.000 m2 onde se explican os principais fitos deportivos do século. A visita apóiase en materiais fotográficos e audiovisuais que refrescan ao espectador os momentos máis senlleiros das principais competicións. Ademais, a iconografía conta con obxectos usados polos deportistas e atletas que polos seus logros convertéronse en ídolos así como réplicas de trofeos. O mobiliario e a sinalización axudará a contextualizar cada un dos elementos con relatos rigorosos das xestas. Os logros deportivos estarán representados por camisetas orixinais ou réplicas case sempre asinadas.

As áreas que se poden visitar na exposición ‘Lendas’ son: ‘Historia do Deporte’; ‘Fútbol’ (subdividida en ‘Campións do Mundo’,’Ídolos do fútbol’, ‘Selección Española’ e ‘Clubs e Competicións’); ‘Baloncesto’; ‘Outros deportes’; ‘Atletas e xestas’ e ‘Zona Recreativa’. A exposición estará instalada na cidade coruñesa, no centro comercial Marineda City, ata o vindeiro 20 de decembro. Esta exposición temporal que itinerará por 20 cidades ten como obxecto servir de ensaio xeral para emprazar definitivamente o museo na súa sede final en Madrid.

18 de outubro de 2018 | 17:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.