publicidade hoxe

Máis de medio centenar de áreas de rehabilitación de 35 concellos galegos recibirán 18 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMarínPontevedraPortada dereita
A-
A+

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou esta mañá que o Goberno galego repartirá case 18 millóns de euros para actuar en 54 áreas de rehabilitación de 35 concellos galegos. A nova responsable en materia de Vivenda da Xunta visitou esta mañá as actuacións que se están a executar na Área de Rehabilitación de Marín, que grazas a este reparto de fondos correspondentes ao actual exercicio para as áreas de rehabilitación integral, Marín suma un orzamento de 600.000 euros máis.

Vázquez Mejuto salientou que as áreas de rehabilitación son unha peza fundamental na política de vivenda deseñada pola Xunta; tal e como demostran as 69 áreas de rehabilitación declaradas en 41 concellos de Galicia a día de hoxe, que se elevan a 107 concellos, si se suman as áreas dos Camiños de Santiago, é dicir, “máis do 40% dos concellos galegos contan polo menos cunha área de rehabilitación”, destacou.

A conselleira defendeu que a rehabilitación é un dos piares fundamentais sobre os que se asenta a política do Goberno galego en materia de vivenda, porque permite recuperar e mellorar o xa construído, xerar un número de postos de traballo significativamente superior á nova construción de vivendas e reduce a presión urbanizadora sobre a contorna.

Destacou que o reparto de novos fondos permitirá sumar novas iniciativas e incrementar o parques de vivendas nas que se actuou que ascende a máis de 12.000 desde a creación das áreas integrais, co fin de que as galegas e os galegos acaden as mellores condicións de vida nunhas vilas e cidades coidadas e humanizadas.

Engadiu que outro elemento que potenciará esta liña de traballo será a futura Lei de Rehabilitación, un texto que se atopa en tramitación e co que se pretende mellorar e axilizar os procedementos e trámites necesarios. “O Goberno galego quere que a rehabilitación de vivendas resulte cada vez máis atractiva para os cidadáns e as medidas adoptadas nesta materia sexan máis eficaces”, defendeu, e explicou que actualmente existen dúas vías para levar adiante accións de rehabilitación: por medio de axudas aos propietarios de vivendas ou con actuacións de urbanización e reurbanización que leve a cabo o concello.

Un millón de euros para a ARI Marín

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda salientou que os veciños de Marín que desexen desenvolver accións contarán con 600.000 euros máis; que se suman aos máis de 413.000 euros que están actualmente en execución procedentes de repartos anteriores, polo que a dispoñibilidade total para Marín ascende a un millón de euros.

A área de rehabilitación do conxunto histórico de Marín foi declarada hai sete anos, e ampliada en 2015, incluíndo xa na súa delimitación o barrio da banda do río Lameira. Grazas aos fondos destinados ao longo destes anos, preto dun millón de euros, rehabilitáronse un total de 124 vivendas neste concello, que ademais ten recibido axudas por importe de 230.000 euros para levar a cabo tarefas de urbanización e reurbanzación nesta área de rehabilitación.

2 de outubro de 2018 | 17:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.