publicidade hoxe

Mª Carme Caramés Gorgal presenta en Rianxo a súa novela “A Madriña”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortada dereitaRianxo
A-
A+

presentacion madrina rianxoO IES Félix Muriel de Rianxo acolle o venres 19 de outubro, ás 19.00 h, e dentro das “Xornadas da Memoria”, a presentación da novela “A Madriña” publicada por Edicións Fervenza, o último libro de Mª Carme Caramés Gorgal, unha novela baseada nas vicisitudes de dúas mulleres dunha mesma familia, sufridoras pero loitadoras, e como, pese ás dificultades logran saír a flote.

No acto, que estará aberto ao público ata completar aforo, a autora estará acompañada do director das “Xornadas da Memoria”, Carlos Cimadevila; e do escritor e profesor José Ricardo Losada.

A obra

A Madriña estrutúrase como un relato no que se contrapón a vida de Tareixa e Lola e as vicisitudes ás que se viron sometidas na súa vida.

Tareixa encamíñase cara ao que podería ser unha nova relación afectiva e non hai nada que faga máis feliz á súa avoa Lola que vela saír do pozo no que levaba afogando tanto tempo. Mentres a ve marchar, acórdase das moitas veces que Tareixa lle dixo que tiña que escribir a historia da súa vida, para que nada se perda, e as imaxes abrochan ata onde tiña idade para lembrar. 

Lola naceu en Ordes en 1918, o ano da pandemia, como se fose unha premonición do que o destino lle tiña preparado, pero as penurias comezaron para ela cando, con oito anos, a levaron para a casa da súa tía, a gardar unha herdanza que lle custou moita suor e moitas bágoas. Logo, coa Guerra Civil, chegaron os tempos máis duros, pero ela sempre foi unha muller loitadora e soubo tirar para adiante e aproveitar as poucas oportunidades que a vida lle deparou, entre elas a de poder ser unha muller independente, iso polo que Tareixa tanto a admira. 

Ao longo do seu relato, Lola vai facendo continuas referencias á vida de Tareixa, unha Tareixa que, como a súa avoa, bota a vista atrás e rememora os seus primeiros anos en Merelle, a vida de estudante en Santiago, e, sobre todo, os amores e desamores que a levaron ao límite do infortunio. Pero alí estaban as mans que nunca a deixaron caer, especialmente as súas, as da Madriña: o faro, o niño ao que regresou para tentar reconstruír a súa identidade. 

Colaboracións 

Esta publicación, editada por Edicións Fervenza, contou coa colaboración da secretaría xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e o Concello de Santa Comba. 

A autora 

Mª Carme Caramés Gorgal (Santa Comba, 1966) é licenciada en Psicoloxía, actualmente reside e traballa en Santiago. 

Na súa faceta poética conta con diversos galardóns como o Premio Rosalía de Castro do Centro Galego de Santander coa obra Escolma (2004), accésit do Certame de Poesía Francisco Añón do Concello de Outes ao poemario Nas marxes do Tempo (2006), primeiro premio do Certame Manuel-Orestes Rodríguez López Paradela con No nome da nai (2007), premio ex aequo do Certame Literario Victoriano Taibo de Gondomar por Cuarto Minguante (2009), o Premio de Poesía Johán Carballeira coa obra Dos Días Escuros (2014) e Premio Avelina Valladares de Poesía co traballo As idades perdidas (2017). 

Como narradora obtivo recoñecementos no Premio Nacional de Narracións Curtas Modesto R. Figueirido cunha mención ao relato Ai, padriño! (2008) e no Premio de relatos de muller Matilde Bares de Bueu, primeiro con Días de Namorar (2009) e seguidamente con Lola (2011).

18 de outubro de 2018 | 17:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.