publicidade hoxe

Infraestruturas inicia o reforzo do firme da PO-403 en Ponteareas e Salvaterra do Miño

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, anunciou esta mañá que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciará mañá as obras de reforzo do firme da PO-403 nos concellos de Ponteareas e Salvaterra do Miño.

Os traballos consistirán na mellora da capa de rodaxe entre os puntos quilométricos 7+500 e 9 en Ponteareas, e 2+5 e 4 en Salvaterra. Aplicarase unha capa de microaglomerado que permite un mellor comportamento do firme fronte ao deslizamento, e repintarase a estrada onde se actúe.

O orzamento é de 40.000 euros, e o prazo de execución de dous meses, “polo que os traballos estarán rematados, se o tempo o permite, antes de finais deste ano”.

Segundo explicou o delegado territorial, esta actuación é un claro exemplo do esforzo da Xunta por manter a rede de estradas autonómicas nas mellores condicións e que está a desenvolver a través do Plan de reforzos de firme. Unha aposta do Goberno galego pola conservación das estradas de titularidade autonómicas e polo incremento da seguridade viaria, que ten o seu reflexo nos orzamentos de 2018, cun incremento moi importante na súa dotación, pasando de 15 a 20 millóns de euros.

“Estes investimentos demostran que para a Xunta a seguridade das estradas e a súa conservación son materias absolutamente prioritarias”, engadiu Cores Tourís, “porque estamos a falar da vida das persoas e non hai nada por enriba diso. E, neste senso, para a Xunta de Galicia, ten tanta relevancia a execución de novas estradas como a conservación en bo estado das que existentes”.

Explicou que a Consellería de Infraestruturas está a realizar tamén importantes esforzos tamén a través do Plan de Seguridade Viaria 2016-2020 e, máis concretamente, en materia de conservación de estradas, con actuacións que non só se limitan ás tarefas ordinarias de conservación, senón que ademais se complementan con este tipo de obras de conservación extraordinarias.

En definitiva, concluíu, a Xunta segue a traballar no obxectivo prioritario de conservar a rede viaria autonómica en óptimas condicións coa fin de incrementar a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas que melloren a súa calidade de vida, potenciando o desenvolvemento económico e social dos municipios galegos.

9 de outubro de 2018 | 16:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.