publicidade hoxe

Ildefonso de la Campa inaugura a mostra ‘Punto e seguido’ para concienciar á sociedade sobre o dano cerebral adquirido

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Inauguración da mostra "Punto e seguido"

Inauguración da mostra “Punto e seguido”

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, defendeu a necesidade de dar unha maior visibilidade ás persoas con discapacidade e avanzar na atención integral para mellorar tanto o seu benestar como a súa integración na sociedade. Así o dixo esta mañá na inauguración da exposición Punto e seguido. A vida despois do Dano Cerebral Adquirido, que desde hoxe e durante os vindeiros días pódese contemplar no espazo da pirámide do edificio administrativo da Xunta de Galicia en San Caetano.

A través de fotografías e paneis explicativos a Federación Galega de Dano Cerebral (Fegadace) da conta do día a día das persoas con DCA, relata as principais demandas deste colectivo e das súas familias e mostra as actividades que se levan a cabo deste o movemento asociativo. Calcúlase que en Galicia hai preto de 36.000 persoas con dano cerebral adquirido, sendo a principal causa o ictus –no 78% dos casos-. O presidente de Fegadace, Luciano Fernández, e responsables de diferentes entidades que traballan no ámbito da discapacidade asistiron ao acto de apertura desta mostra que se enmarca na iniciativa CapacitARTE impulsada pola delegación galega do Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) e a Consellería de Política Social.

Na súa intervención, o director xeral enxalzou o traballo das entidades que conforman Fegadace –Adaceco, Adace Lugo, Alento, Renacer e Sarela-, ao tempo que manifestou que o obxectivo principal desta exposición “é sensibilizar ao conxunto da sociedade e deixar constancia do labor diario dos profesionais, do voluntariado, das persoas con discapacidade e das familias en prol da normalización das súas vidas”. Neste sentido, Ildefonso de la Campa garantiu que a Xunta “seguirá estreitando a colaboración coas entidades e sumando esforzos para multiplicar os resultados”, de aí que un ano máis se teñan incrementado nun 5% as contías dos convenios coas asociacións e federacións de atención á discapacidade ata superar no seu conxunto os 4 millóns de euros.

A mostra Punto e seguido. A vida despois do Dano Cerebral Adquirido é a penúltima que se exporá nas dependencias administrativas de San Caetano ao abeiro da proposta CapacitARTE, que se pechará coa dedicada á Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (Feafes) prevista para o vindeiro día 8 de novembro. Esta iniciativa consiste na realización de exposicións monográficas sobre os servizos e proxectos que levan a cabo cada unha das entidades que forman parte do Cermi Galicia, e ten por finalidade dar visibilidade ao traballo que estas realizan así como concienciar á poboación en xeral.

23 de outubro de 2018 | 16:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.