publicidade hoxe

Galicia defende un reparto equitativo dos fondos do estado para a modernización da industria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada esquerda
A-
A+
Francisco Conde na Conferencia Sectorial de Industria

Francisco Conde na Conferencia Sectorial de Industria

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, defendeu hoxe en Madrid, na Conferencia Sectorial de Industria, a necesidade dun reparto equitativo dos fondos destinados aos programas de reindustrialización. Así, na xuntanza decidiuse crear un grupo de traballo para estudar as propostas das diferentes comunidades autónomas para a nova convocatoria destes apoios.

Conde destacou que Galicia mantén clara a súa posición, apostando por un equilibrio territorial e demográfico para non xerar unha fenda entre comunidades, ao tempo que propuxo que a convocatoria de axudas debe estar aberta todo o ano, en réxime de concorrencia non competitiva, co obxectivo de adaptar a convocatoria ás necesidades de financiamento das empresas cando o precisen.

O titular de Economía explicou a importancia destas axudas, xa que complementan á planificación que neste eido está a desenvolver a Xunta desde hai tempo e que ten como obxectivos impulsar a transformación dixital da industria, a transferencia de coñecemento ao sector industrial para potenciar o seu carácter innovador e a formación dos traballadores e traballadoras para dar resposta aos novos perfís laborais e incrementar o emprego cualificado. Neste último senso, sinalou que o emprego no sector está a mostrar un bo comportamento, lembrando que o último dato de paro rexistrado indica que o desemprego neste eido baixou un 11,80% en setembro con respecto ao mesmo mes do ano pasado.

En referencia á Industria 4.0, Conde apuntou que Galicia xa ten un camiño andado e conta cunha folla de ruta clara neste eido: a Axenda Industria 4.0, que cun orzamento total de 352 millóns de euros leva axudado xa a 7106 empresas galegas a dar o salto dixital desde a súa posta en marcha en 2015.

A Xunta aposta por redobrar a colaboración entre o Estado e as comunidades autónomas porque, segundo indicou o conselleiro, “falar de dixitalización é falar de competitividade, crecemento económico e progreso social”. O obxectivo último é poder incrementar o peso do sector industrial no PIB de Galicia.

Política enerxética

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria demandou, así mesmo, ao Goberno de Sánchez que se revise a decisión sobre o imposto ao diésel para que non se traslade directamente ao consumidor nin impacte na industria, lembrando que en Galicia o 85% do combustible de automoción que se consume é diésel. Defendeu uns criterios de equidade e apelou ao diálogo co Estado, tamén para dar unha resposta ao futuro das centrais térmicas.

Con respecto a este último asunto, pediu a constitución dun grupo de traballo co Ministerio para a Transición Ecolóxica no que se estuden os mecanismos máis axeitados para establecer un modelo enerxético sostible e que poida dar resposta á continuidade e viabilidade das centrais térmicas das Pontes e Meirama. Galicia, en palabras de Conde, aposta por unha transición ecolóxica axeitada, a través dun mix enerxético coherente, económico e equilibrado entre as diferentes formas de produción. O obxectivo é potenciar as enerxías renovables, pero non a calquera prezo. Para Conde é necesario garantir a viabilidade e competitividade do prezo enerxético do tecido produtivo galego e dos consumidores.

Outro dos temas que se abordou en Madrid foi o referido ao sistema de ininterrumpibilidade. Neste senso, o titular de Economía destacou a importancia de que o Estado poida aplicar de xeito efectivo a partida orzamentaria deste ano de 150 millóns de euros que permite compensar os custos indirectos polas emisións de CO2 e, polo tanto, que as empresas electrointensivas poidan compensar os resultados da poxa deste ano para que, desta forma, poidan seguir mantendo a súa competitividade.

3 de outubro de 2018 | 16:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.