publicidade hoxe

Galicia contará cunha Estratexia para a atención a persoas en situación de cronicidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Reunión do Consello da Xunta

Reunión do Consello da Xunta

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe na rolda de prensa do consello a futura implantación dunha Estratexia galega para a atención a persoas en situación de cronicidade co obxectivo de poder realizar un seguimento máis completo e pormenorizado destes pacientes e evitar a progresión das enfermidades crónicas cara a estadios máis complexos.

Será un modelo máis coordinado e innovador, que integrará todos os programas específicos que se veñen desenvolvendo nos últimos anos, e cuxa implantación será progresiva. Comezando por aquelas enfermidades máis prevalentes e polos pacientes afectados por varias condicións crónicas, concretamente os 21.000 pacientes galegos inmobilizados que están en situación de vulnerabilidade.

Durante a súa intervención, Feijóo tamén detallou cal será o funcionamento deste modelo. Así, sinalou que en primeiro lugar se incluirá a estes pacientes nun programa de atención á cronicidade. En segundo termo, dixo, designarase a un profesional da enfermaría ou facultativo ou a un equipo sanitario que actúe como interlocutor cos pacientes e os seus familiares. Posteriormente, explicou, realizarase unha avaliación das necesidades personalizadas de cada paciente.

E, finalmente, elaborarase un Plan individualizado de acción Integral (PIAI) consensuado co paciente e/ou as persoas encargadas do seu coidado. O dito plan, que constituirá unha das principais novidades da Estratexia, recollerá á súa vez os plans terapéuticos e os obxectivos asistenciais, será xestionado polo persoal de referencia asignado e outorgará protagonismo ao paciente en todo o proceso de toma de decisións situándoo no centro de toda a estratexia.

En definitiva, concluíu, esta estratexia permitirá seguir mellorando o coidado, seguimento e autonomía destes pacientes en situación de cronicidade que precisan dunha atención sanitaria e social moi concreta.

25 de outubro de 2018 | 16:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.