publicidade hoxe

Ferreira Costa aposta por reciclar o 100% do vidro usado na 55ª Festa do Marisco do Grove

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO Grove
A-
A+

A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Cruz Ferreira Costa, defendeu esta mañá a necesidade de reciclar o 100% do vidro que se consuma na 55ª Festa do Marisco e convertela na “edición máis sostible”.

Ferreira Costa, xunto co alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, presentou esta mañá unha campaña especial de recollida de vidro, unha iniciativa que se leva a cabo en colaboración con Ecovidirio, que inclúe a dotación adicional de 15 contedores para o baleirado de vidro, tres iglús personalizados con motivos desta festa, a instalación dun posto informativo, xogos de reciclaxe para os máis novos e un servizo de ecopatrullas formado por monitores especializados para a concienciación do público asistente.

Tal e como explicou a directora xeral, a Festa do Marisco do Grove é un importante escaparate gastronómico e lúdico a nivel nacional, polo que é un evento clave e unha oportunidade á hora de concienciar e divulgar entre o público asistente, veciños e empresarios da hostalería a grande necesidade de reciclar este tipo de residuo.

Segundo apuntou Cruz Ferreira, esta iniciativa axudará a recuperar máis de 20 toneladas de vidro para o seu reciclado, xesto que contribúe á loita contra o cambio climático ao evitar as emisións de Gases Efecto Invernadoiro (GEI) na súa fabricación, aforrando tamén enerxía, evita a extracción de materias primas da natureza e minimiza a erosión e a deforestación da nosa contorna.

De feito, destacou o esforzo do Concello Grove que no ano 2017 rexistrou unha cifra récord na recollida, ao superar os 40 kg por habitante e ano, un valor moi por riba da media da provincia de Pontevedra (15,8 kg/hab) e tamén da media galega (16,1 kg/hab).

Argumentou que coa colaboración de todos os axentes implicados na reciclaxe do vidro, comezando cun xesto tan sinxelo como o de separar as botellas usadas, e outros frascos de vidro, para depositalos despois nos colectores axeitados; redúcese o consumo de enerxía, afórrase en materias primas, diminúense o vertido e a contaminación do aire, acadando así un triplo beneficio para a nosa comunidade (ambiental, económico e social) de cara a construír unha sociedade realmente sustentable.

Nese sentido, explicou que iniciativas, como a campaña presentada hoxe, son unha mostra de que o Goberno galego aposta pola sustentabilidade dos festexos en Galicia para transformalos en “eventos de baixo impacto ambiental”, precisou; e sobre todo son o camiño polo que a avanzar para acadar os obxectivos e criterios de Nacións Unidas: reducir ao mínimo as emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI), minimizar o consumo de recursos naturais, protexer a biodiversidade e os recursos hídricos, evitar a produción de residuos e reciclar os residuos xerados, así como sensibilizar á comunidade dos beneficios da sustentabilidade dende os puntos de vista social, ambiental e económico.

3 de outubro de 2018 | 16:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.