publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Feijóo propón encarar a Galicia do Xacobeo 21 con orgullo, cun crecemento ordenado e igualitario e menos impostos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
O presidente galego no discurso de apertura do Debate sobre o Estado da Autonomía

O presidente galego no discurso de apertura do Debate sobre o Estado da Autonomía

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, incidiu hoxe no seu discurso de apertura do Debate sobre o Estado da Autonomía na necesidade de preparar a Galicia do Xacobeo de 2021, con orgullo, cun crecemento ordenado e igualitario e con menos cargas fiscais. Para garantilo, confirmou que “o próximo ano en Galicia haberá presupostos, haberá menos débeda e baixaranse os impostos”. E, para iso, aseverou, o Goberno que preside empregará todos os recursos que permite o autogoberno, co obxectivo de que a Comunidade estea protexida ao máximo posible.

Na liña das rebaixas fiscais, Feijóo anunciou que “o ano que vén Galicia será unha das comunidades con menos impostos para mercar vivenda habitual usada, e a máis barata no caso dos mozos, familias numerosas e persoas con discapacidade”.

Por outra banda, co fin de ter uns presupostos en tempo e forma, anunciou primeiramente que o Consello de mañá aprobará o teito de gasto para o vindeiro ano. E pediu a colaboración da Cámara para que a próxima semana, dentro do prazo legal, “tal e como fixemos sempre”, tamén se poidan levar ao Parlamento os orzamentos de Galicia para 2019.

Así mesmo, asegurou que a Xunta non mudará o criterio acerca da necesidade de reducir o endebedamento, incidindo en que se en 2017, por segunda vez en dez anos, Galicia logrou baixar o seu endebedamento, “este ano volverase facer”. Unha decisión que, segundo lembrou, sitúa a Comunidade nunha mellor situación que outras xa que, hoxe, cada galego debe 2.000 euros menos que a media dos españois; e permite aforros moi notables en xuros: 140 millóns desde 2014.

Se ben lamentou que é imposible que Galicia non se vexa afectada pola incerteza instalada a nivel nacional, o titular do Executivo galego aseverou que o goberno que preside tampouco mudará de criterio respecto a conveniencia de baixar impostos, subliñando que as medidas aprobadas neste sentido nos últimos anos non só beneficiaron a milleiros de familias galegas, senón tamén á economía, que medrou máis dun 3% nestes últimos anos.

“Cremos que Galicia é o bo camiño. Xustamente o contrario ao que está a propoñer e percorrer o Goberno de España”, dixo, referíndose, a modo de exemplo, á suba do imposto ao diésel. Unha medida que, de confirmarse, tería uns efectos demoledores xa que Galicia: é usuaria deste tipo de vehículos, que supoñen o 85% do combustible que se emprega; e é fabricante, e a industria do automóbil xa está sufrindo unha paralización das vendas.

Feijóo precisou que no debate de orzamentos que se abrirá nas próximas semanas concretarase o alcance da política fiscal para este exercicio, garantindo o mantemento dos beneficios que están en vigor e co deseño de novas baixadas nos tributos cedidos. “Un ano máis garantiremos que en Galicia se van pagar cada vez menos impostos”, reiterou, recordando que os beneficios fiscais de carácter social implantados ou mantidos pola Xunta desde 2009 deixaron máis de 1100 millóns no peto dos galegos.

Cunha comunidade estable e cun goberno forte e con proxecto, o presidente galego renovou hoxe o seu compromiso cunha Galicia decidida a usar a súa autonomía para lograr máis igualdade; para chegar máis lonxe e seguir progresando no eido rural e no urbano; para quererse máis e protexer máis a súa riqueza natural; para continuar mellorando os seus servizos públicos e para abrirse máis ao mundo.

“Con esa liberdade chegamos ata aquí e libremente seguimos sendo un pobo con identidade e cultura propias”, dixo, lembrando que estes anos de liberdade autonómica permitiron ás galegas e ós galegos escribir o seu propio modelo, baseado na cordialidade e na moderación. E que hoxe ten un novo reto: o capítulo da nova década, a Galicia do Xacobeo 2021, “que temos que escribila todos xuntos”. Unha Galicia que sexa “un lugar onde chegar, onde quedar, onde volver”.

O titular da Xunta propuxo ao Parlamento que, en 2021, Galicia non só celebre o mellor Xacobeo da súa historia, senón que a Galicia do Xacobeo 2021 sexa indiscutiblemente a mellor da nosa historia: unha Galicia que se queira máis a si mesma; unha Galicia con máis benestar, que se coide máis a si mesma; unha Galicia ambiciosa, que non se poña teito e unha Galicia orgullosa, de portas abertas a España e ao mundo.

Unha Galicia con máis benestar, que se coide máis a si mesma
Se Galicia defendeu os seus servizos públicos nos momentos de crise, o titular da Xunta sentenciou que o seguirá facendo no contexto de crecemento de recursos, tendo como prioridade as familias máis desfavorecidas.

Logo de resaltar que a nosa comunidade foi pioneira en actuar contra a pobreza enerxética; puxo en marcha unha batería de medidas para evitar desafiuzamentos; segue sendo unha das poucas autonomías que manteñen o complemento ás pensións non contributivas e triplicou os recursos da Risga, o xefe do Executivo galego anunciou, neste mesmo eido, a presentación dun Plan de atención ás persoas sen fogar coas entidades que traballan cada día con elas para mellorar a coordinación. Ademais da aprobación, antes de que remate o ano, dun decreto que permitirá dúas melloras fundamentais: que se poida cobrar máis dunha Risga por domicilio en determinadas circunstancias; e que o cobro dunha parte da renda social sexa compatible co dun salario mentres sexa necesario.

O principal reto das persoas en dificultades é volverse integrar na sociedade e, con este mesmo obxectivo, asegurou que Galicia é a comunidade co sistema educativo máis inclusivo de España; ten máis prazas públicas de atención á discapacidade, un 25% máis que en 2009; lanzou unha convocatoria de oposicións pioneira para este colectivo, que vai xa pola súa segunda edición; e, nos últimos meses, tomáronse medidas para axilizar os procesos de recoñecemento da discapacidade e reducir considerablemente a lista de espera antes de que remate 2018.

No seu discurso, Alberto Núñez Feijóo referiuse, tamén, ao problema da revitalización demográfica; un obxectivo do Plan estratéxico no que non se rexistran por agora resultados positivos e para o que reclamou o compromiso de todas as institucións, tanto a nivel autonómico como nacional e europeo.

Neste senso, e logo de avanzar a apertura da Oficina integral de asesoramento e seguimento ao retornado, dentro da Estratexia Retorna 2020, o presidente incidiu no esforzo que se está a levar a cabo para consolidar un novo modelo social e sanitario que poida atender axeitadamente o envellecemento de Galicia. Así, expuxo como un dos avances máis importantes a posta en marcha da Historia Social Única, que de xeito progresivo garantirá a necesaria coordinación entre estas dúas áreas.

“E estamos avanzando de forma intensa na atención á dependencia”, afirmou, confirmando que se adianta a este ano o obxectivo marcado para toda a lexislatura de 60.000 dependentes atendidos.

Superado ese compromiso, asegurou que a Xunta pedirá ao Goberno central que financie a súa parte, como está obrigado por lei, xa que neste momento a Administración galega inviste tres veces máis que o Goberno de España en dependencia. “A fórmula é sinxela: se a Xunta cumpre o seu 50% e o Goberno cumpre co seu 50%, chegaremos ao 100% de cobertura en dependencia”, abundou.

Por outro lado, e co fin de que os maiores poidan envellecer na súa contorna, a Xunta incrementará a partir de 2019 as axudas para coidador ou asistente persoal entre un 10 e un 15%; e seguirá traballando para que a comunidade se consolide como a autonomía que máis aposta polo Servizo de axuda no fogar. Non en van, a Galicia de 2018 xa multiplica por oito o número de beneficiarios do Servizo de Axuda no Fogar de 2009.

Nos casos nos que non sexa posible, Feijóo garantiu un recurso residencial, co compromiso de construír nesta lexislatura sete residencias en cada unha das grandes cidades; e a ampliación do Bono Autonomía en Residencia, que chegará ao 100% dos solicitantes, e en maior contía, xa que medrará un 20% para as dependencias de grao 1 e grao 3 e ata un 75% para as dependencias de grao 2.

O presidente do Goberno galego incidiu en que o envellecemento tamén ten unha incidencia directa na Sanidade Pública e, por este motivo, anunciou que este mes se aprobará no Consello a Estratexia Galega de Cronicidade –case 1 de cada 4 galegos sofre unha patoloxía crónica—. Así mesmo, un Plan estratéxico de hospitalización a domicilio normalizará e homoxeneizará este tipo de atención; e a futura Lei de ordenación farmacéutica adaptará o mapa de farmacias ás condicións actuais.

Noutra orde de cousas, Feijóo insistiu tamén na necesidade de seguir actuando no ámbito da prevención, coa Lei sobre consumo de alcohol en menores, e loitando contra a obesidade infantil, promovendo máis intensamente o deporte de base. Ademais, o próximo ano seguirase reforzando o compromiso coas federacións, cun novo incremento orzamentario que se sumará ao 9% que xa se fixo este exercicio.

O responsable autonómico garantiu o compromiso para seguir mellorando a Sanidade Pública. Primeiro, ampliando as prestacións, como se fixo ao mellorar o calendario de vacinación infantil ou ao crear o calendario de vacinación do adulto; e como se fará, por exemplo, coa posta en marcha do programa de detección precoz do cancro de cérvix uterino ou coa creación dun rexistro para as enfermidades raras.

Segundo, completando a renovación tecnolóxica, que permita seguir pola senda da mellora do equipamento con alta tecnoloxía e avanzando en innovación sanitaria. E terceiro, avanzando na modernización dos centros sanitarios.

En Vigo construíuse un dos mellores hospitais públicos de España e seguirase dotándoo da tecnoloxía sanitaria máis punteira. En Lugo equipouse e finalizouse un novo hospital público punteiro e mellorouse a súa carteira de servizos. En Pontevedra estase a traballar no proxecto básico e de execución do futuro Gran Montecelo e, en 2019, licitarase a primeira fase das obras. No hospital público de Ferrol redactouse o proxecto básico e de execución e antes de que remate o ano se licitará a construción dun novo edificio de hospitalización. E no hospital público do Salnés finalizouse a ampliación do hospital nun 26% da súa superficie.

No hospital de Ourense construíuse un novo edificio de hospitalización e reformarase o antigo. No hospital público de Verín ampliouse a carteira de servizos e renováronse as consultas externas, mentres que o hospital público de Valdeorras terá antes de que remate o ano un proxecto de remodelación con novo equipamento. No hospital público da Mariña en cuestión de semanas finalizará a primeira ampliación do hospital e posteriormente renovarase o edificio actual. E no hospital público de Monforte introduciuse o servizo de oncoloxía e antes de que remate o ano contratarase o seu proxecto de remodelación.

O hospital de Santiago estase situando na vangarda en investigación e xa se está a planificar a súa futura reorganización e ampliación. No hospital público do Barbanza ampliáronse as consultas externas, inaugurouse un laboratorio de análise e comezarase a ampliación das urxencias. No hospital público de Cee instalouse unha nova sala de hemodiálise e modernizáronse os quirófanos. E no hospital público da Coruña renovouse o 100% do bloque cirúrxico e duplicáronse as urxencias; e, antes de que remate a lexislatura, presentarase o novo hospital público da Coruña, totalmente renovado nas instalacións actuais e cunha ampliación do 50% da superficie, ben en terreos limítrofes ou ben nun novo emprazamento.

O titular da Xunta constatou que este impulso á renovación das infraestruturas sanitarias non se limita aos hospitais públicos, senón que se estende a atención primaria, co obxectivo nos vindeiros anos de reformar dous centros de saúde e construír 17 novos, entre eles un centro punteiro no Barrio da Residencia de Lugo.

En relación a este punto, reiterou o compromiso de reformar esta zona de Lugo e dotala de novos servizos, como un centro sociosanitario para dependentes e o primeiro centro integral de saúde de Galicia, unha oficina de emprego, un centro de innovación, unha planta de biomasa “e esperamos que tamén a nova comisaria”.

Un Goberno responsable non pode esquecer a dimensión demográfica ao planificar os servizos públicos do futuro. E, nesta liña, Feijóo afirmou que o executivo que preside esixirá os recursos que lle corresponden e seguirá facendo o maior esforzo para que Galicia sexa o mellor lugar posible no que nacer, no que medrar e no que vivir.

Respecto ao primeiro piar, reiterou a esixencia de que o modelo de financiamento autonómico co que se costean os servizos públicos sexa un modelo xusto. E insistiu en que a reforma do sistema é un asunto prioritario que cómpre abordar sen dilacións.

“Non se pode aprazar sine die. Non vale escudarse na debilidade parlamentaria. Non aceptamos que se poña a situación en Cataluña de escusa. E non serve a escusa de que non hai tempo porque non partimos de cero”, matizou, ao que anunciou a petición da convocatoria da Conferencia de Presidentes, para abordar un debate “imprescindible” para continuar prestando uns servizos públicos da máxima calidade.

Co obxectivo de que a Galicia da vindeira década sexa un lugar cada vez mellor para formar unha familia, seguirase traballando pola conciliación. “Farémolo reforzando as axudas e ampliando o Bono Coidado. E farémolo con instrumentos normativos, xa que neste 2019 Galicia será a primeira comunidade de Europa en contar cunha Lei de impulso demográfico.

Despois de recalcar que a Administración autonómica tentou situarse á vangarda en canto ás medidas para facilitarlles a vida ás nais e pais con fillos, o titular da Xunta resaltou que, hoxe, máis de 11.000 empregados públicos se benefician da flexibilidade horaria e máis de 200 acolléronse ao teletraballo, e trasladou a necesidade de seguir traballando co sector privado para que as empresas sexan conscientes de que darlle a volta á situación demográfica é un asunto de todos.

Así, incidiu na disposición para colaborar nas medidas que precisen, como xa se demostrou impulsando as primeiras escolas infantís en polígonos industriais ou lanzando o Plan de conciliación e corresponsabilidade, pioneiro na España autonómica e que ao longo de 2019 levarse ao ámbito municipal.

Neste mesmo eido, avanzou unha campaña de concienciación ás empresas para que adopten uns horarios máis racionais e flexibles, que permitan que as familias galegas teñan máis tempo para pasar xuntas. “Estamos atentos ao debate sobre o fuso horario; pero en Galicia abriremos o debate –non son político senón tamén social- sobre os usos horarios. Sobre a necesaria conciliación da vida persoal, laboral e familiar”, expresou.

En relación aos empregados públicos, lembrou que 2018 é o terceiro ano consecutivo no que crecen os soldos dos empregados públicos. “Cada persoa que traballa para a Xunta cobra de media a día de hoxe uns 1.300 euros máis que en 2015”, dixo, ao que se suman as melloras específicas que se están materializando de xeito progresivo nos distintos corpos: na Sanidade pública, na Educación pública, nos Servizos Sociais públicos e na Xustiza.

Sobre esta última, confirmou que se seguirá traballando tamén por uns edificios xudiciais propios do século XXI. Non en van, falta pouco para completar o Plan de Infraestruturas coas novas cidades de Xustiza en Vigo e Pontevedra e cos novos xulgados en Tui; e tamén se continuará co proceso de dixitalización e co maior Plan de equipamentos da historia dos xulgados galegos.

A modo de resumo, Feijóo aseverou que tanto a nivel global como a nivel específico, en cada unha das diferentes áreas, as condicións dos profesionais están a mellorar e seguirán mellorando: con máis profesionais, desenvolvendo as ofertas de emprego público comprometidas; e con máis estabilidade, cumprindo o Plan de estabilidade asinado cos sindicatos para reducir a taxa de temporalidade á contorna do 7%.

Así mesmo, garantiu que se seguirán mellorando as súas condicións. E, neste sentido anunciou que os empregados públicos volverán percibir o 100% das súas retribucións cando se atopen en situación de incapacidade temporal. “E ampliaremos aos 16.500 empregados da Administración xeral un sistema de carreira profesional semellante ao da Sanidade, é dicir, que valore a experiencia, os coñecementos e o compromiso cun sistema de ascensos e graos retribuídos”.

Unha Galicia ambiciosa, que non se poña teito
Para construír unha Galicia que non se poña teito, Feijóo aseverou que é imprescindible empezar polos cimentos, isto é: por reforzar o noso sistema educativo. E, neste senso, garantiu, nun primeiro lugar, o compromiso de avanzar na equidade do sistema, de xeito que os recursos da familia do alumno condicionen o mínimo posible a súa traxectoria académica.

“Seguiremos coas axudas para comprar libros de texto e material, cos prezos reducidos para comedores e sendo a comunidade coa maior rede de transporte escolar de toda España. Avanzaremos no Ensino dixital, que neste curso xa chega a 18.000 alumnos, desde 5º de Primaria ata 2º da ESO, e por iso vimos de autorizar a compra de 30.000 portátiles e os alumnos terán máis contidos e un mellor soporte técnico. Avanzaremos no Ensino plurilingüe, que vimos de estender a Primaria, Bacharelato e FP. E avanzaremos tamén na formación en competencias científicas, tecnolóxicas e matemáticas, que todos os expertos sinalan que son fundamentais para o mundo do futuro”, constatou.

Así mesmo, neste curso, por primeira vez, 15 institutos ofertarán o Bacharelato de excelencia en ciencia e tecnoloxía, obxectivo que se pretende continuar nos próximos exercicios. A tal efecto, o curso que ven incorporaranse 5 novos institutos para garantir unha extensión progresiva e de calidade deste proxecto.

No eido da Formación Profesional, o presidente da Xunta enxalzou a aposta da Comunidade por convertela en sinónimo de ensino práctico, diversificado, de alta calidade e con moitas saídas profesionais. Un compromiso que se reflicte no feito de que o 77% dos alumnos que cursan un ciclo formativo atopan despois un traballo estable; “unha porcentaxe que se eleva ao 90% para unha das modalidades nas que máis confiamos: a FP Dual”, engadiu, recoñecendo que ese é o motivo de que neste ano a oferta se incrementase nun 60%, ata os 46 ciclos.

Ademais, cómpre resaltar que a comezos da próxima década xa estará funcionando a pleno rendemento unha das iniciativas máis ambiciosas no ámbito da Formación Profesional: a creación do Campus FP de Vigo. Neste mesmo ano comezarán a traballar en rede os 16 centros que imparten formación profesional nesta área e, en 2020, entrará en funcionamento o centro neurálxico do Campus, o chamado FP Hub.

Darlle á FP o maior impulso da nosa historia vai da man da outra gran alternativa para continuar os estudos: a Universidade. “E queremos unha Universidade accesible, e por iso as taxas levan nove anos conxeladas e este ano reducimos as dos másters habilitantes, que xa son iguais que as dun grao universitario. Preparada para o futuro, con medidas como o lanzamento de 14 graos universitarios novos ata 2020, cinco deles neste mesmo curso. Ben coordinada, co lanzamento do primeiro grao interuniversitario e a construción do gran nexo de unión do Sistema Universitario de Galicia, o Edificio Fontán. E que fomente a excelencia, coa posta en marcha das Bolsas Concepción Arenal, que premiarán aos tres mellores expedientes dos tres primeiros cursos de cada grao”.

Así mesmo, e para que a Universidade sexa o corazón do sistema galego de innovación, o responsable do Goberno autonómico anunciou un novo complemento retributivo para os docentes que transfiran coñecemento á sociedade galega.

Froito da aposta por unha Universidade especializada, única no sistema universitario español, Galicia conta con oito campus especializados, ademais dos Campus de Excelencia Internacional Campus Vida e Campus do Mar: Campus Auga en Ourense, Campus Terra en Lugo, Campus Industrial en Ferrol, Campus Crea en Pontevedra, Vigo Tecnolóxico, Campus da Cidadanía en Santiago, Campus Innova e Campus da Sustentabilidade na Coruña. Todo isto co compromiso, ademais, de que en 2019 se lance unha convocatoria de especialización de campus para cofinanciar investimentos que sexan necesarios para cumprir os seus obxectivos.

Feijóo precisou dúas novas medidas para impulsar a innovación con selo galego: o novo Programa de Talento 2021, que agrupará as axudas á contratación e á formación, das que se beneficiarán 1500 mozos con gran potencial; e un importante impulso ao polo tecnolóxico e industrial do sector aeronáutico que se está a desenvolver na localidade lucense de Rozas. Este impulso plasmarase en dúas medidas concretas. Por unha banda, o impulso de novos sistemas de tráfico e seguridade aérea, que completará as actuacións que hoxe levan a cabo Indra e a Babcock e que se fará realidade nas vindeiras semanas. E pola outra, o inicio da construción do Parque Industrial de Rozas, no que se instalarán empresas como estas, dedicadas ao desenvolvemento e produción de avións non tripulados.

Convencido de que a innovación debe ser un dos piares sobre os que se asente o crecemento da Galicia desta década e a que vén, Alberto Núñez Feijóo aseverou que este rumbo pasa tamén pola captación de investimentos, tanto para que se instalen aquí novas empresas como para que as empresas que xa traballan en Galicia amplíen a súa capacidade e se modernicen, adoptando as técnicas da Industria 4.0.

Ao respecto, subliñou os avances que se produciron neste terreo, coa nova Lei de implantación empresarial e coa nova figura dos Concellos Emprendedores, á que xa se acolleron un de cada tres municipios. E, para seguir avanzando no 2019, precisou que a Lei de acompañamento dos orzamentos que se proporá á Cámara regulará as Iniciativas Empresariais Prioritarias, que verán reducido á metade o seu tempo de tramitación.

O rumbo de futuro da economía galega pasa necesariamente polo apoio aos emprendedores e os autónomos e, por iso, seguirase apostando por ofrecer cursos adaptados ás necesidades do tecido empresarial, e este será o primeiro ano en que os desempregados poderán elixir o centro e o curso ao que optan.

E outra das principais novidades neste ámbito será o programa de Segunda oportunidade para a mocidade que non estuda nin traballa, co fin de que o abandono escolar non lles peche as portas do mercado laboral. Esta iniciativa axudará ás mozas e mozos nesta situación a obter as competencias básicas e a formación dixital necesarias para introducirse no mercado laboral de hoxe.

Nestes anos, o crecemento da nosa economía foi sólido, como demostra a fortaleza das vendas ao exterior. Tamén é esperanzadora a evolución do emprego: na Galicia de hoxe hai 34.000 desempregados menos que hai nove anos; a Galicia de hoxe leva máis de catro anos creando emprego; e na Galicia de hoxe sobe a contratación indefinida e a tempo completo, mentres que se reducen os contratos temporais e a tempo parcial.

Malia que, no eido do emprego, se está no camiño do Plan Estratéxico 2015-2020 de achegarse aos 80.000-100.000 en 2020, o responsable da Administración autonómica aseverou que o Goberno que preside non se dá por satisfeito e expresou o desexo de contar coa colaboración dos sindicatos para iniciar, xunto a eles, unha nova etapa do diálogo social, centrada en seguir mellorando a cantidade de emprego e tamén a calidade coa inclusión, por exemplo, de cláusulas sociais nos contratos públicos. “Propóñolles impulsar de novo este diálogo, sen prexuízos, sen medos e sen barreiras, poñendo sempre a Galicia por diante de todo”, matizou.

Feijóo enxalzou que este traballo conxunto permitiu revitalizar sectores que estiveron nunha situación crítica, como o naval e a automoción, que hoxe viven momentos esperanzadores. E trasladou o desexo de que o traballo conxunto “tamén nos permita seguir revitalizando o papel fundamental dos sectores primarios, dos que dependen milleiros de familias galegas”.

O titular da Xunta aseverou que na Galicia do mar hai máis confianza no futuro que no ano 2009, como pon de manifesto o récord de vendas en lonxa e de facturación que se acadaron en 2017, as mellores cifras de produción e vendas de mexillón desde 2009; unhas industrias conserveiras e de conxelados que cada vez facturan e exportan máis; o crecemento das afiliacións ao réxime especial do mar (un 5% desde 2015) e o repunte rexistrado na construción de barcos.

E, entre os desafíos futuros, resaltou a necesidade de afianzar a sustentabilidade e a competitividade do sector, traballando para que a normativa que se produce en Europa nos sexa acaída.

“Para sermos máis competitivos, debemos seguir facendo crecer o valor engadido dos produtos do noso mar. Ademais de avanzar na mellora dos portos e das instalacións dos peiraos, cómpre poñer en valor a súa altísima calidade e mellorar as canles de comercialización”, explicou, ademais de poñer en marcha, no vindeiro ano, unha campaña de consumo de peixe e marisco entre os galegos máis novos, de promover a dixitalización das lonxas e as vendas online e de impulsar o futuro Plan Estratéxico do Conxelado.

No eido da economía rural, o presidente da Xunta apostou por seguir alimentando o rexurdir das empresas agroalimentarias en Galicia. E, nesa liña traballará a nova Axencia Galega de Calidade Alimentaria, que velará pola calidade da materia prima, pola innovación tecnolóxica do sector e, sobre todo, por reforzar a formación dos profesionais agrícolas e a investigación aplicada ao sector.

Para que siga sendo así, incidiu na importancia de seguir vertebrando Galicia e mellorando a mobilidade para todos os galegos, “vivan onde vivan”. E, no tocante a isto, recordou que a día de hoxe o 80% da poboación vive a menos de 15 minutos dunha vía de altas prestacións. Un compromiso no que se seguirá avanzando, co remate da Autovía do Morrazo e da conexión do polígono de San Cibrao coa A-52, e co impulso doutras infraestruturas necesarias como a continuidade da Autovía da Costa da Morte, a ponte de Viveiro ou a conversión en autovía do tramo Lugo-Sarria

Ademais de continuar coa estratexia de eliminación dos chamados “puntos negros”, confirmou que nesta lexislatura se porá en marcha un Plan de vixilancia da situación de todos os viadutos, noiros e obras de paso da comunidade autónoma. E, esta lexislatura será tamén a da gran transformación da mobilidade en Galicia, coa implantación da segunda fase do Plan de transporte público e continuando coa aposta polo transporte compartido entre viaxeiros e escolares e polo transporte a demanda, que xa están a funcionar con éxito.

Se desde 2016 os máis novos xa se benefician da gratuidade nas liñas de transporte metropolitano (a través da Tarxeta Xente Nova), o titular da Xunta anunciou o compromiso de estender a gratuidade do autobús a menores de 19 anos ao resto de Galicia e moi especialmente ao rural.

Paralelamente á mellora dos servizos, seguirase traballando na mellora das infraestruturas, moi especialmente as estacións intermodais. Así, a de Santiago e a de Ourense xa están en obras e serán as primeiras en entrar en funcionamento; a de Vigo e a de Pontevedra vanse licitar antes de que remate este ano; a da Coruña, lamentablemente, está moi atrasada polos continuos cambios de criterio do Concello; e avanzarase no compromiso coa chegada da intermodalidade a Lugo -onde xa está en redacción o proxecto e en tramitación o convenio entre as tres administracións implicadas-, así como a Ferrol, onde a previsión é comezar o proxecto de construción o vindeiro ano.

Sobre o AVE, e unha vez que están despexadas as dúbidas que o propio Ministerio sementou, Feijóo sentenciou que, agora, o que toca é levar as palabras á práctica. “Non hai tempo que perder, senón tramos que rematar”, apuntou, insistindo en que Galicia merece que se cumpra coa palabra que se lle deu e que as obras do AVE rematen no último trimestre de 2019 e que os primeiros billetes se comecen a emitir no ano 2020.

Diante disto, asegurou que o Executivo galego fará co Goberno central actual o mesmo que fixo co anterior: velar porque chegue a Galicia sen máis demora a mesma alta velocidade que xa hai moitos anos que desfrutan outros territorios.

Unha Galicia que se queira máis a si mesma

Cando se fala de protección da contorna, o presidente da Xunta lembrou que o feito ata agora permite dicir que, nun eido no que antes só había normas dispersas e obsoletas, ou mesmo absoluta ausencia de regulamentación, Galicia foi quen de situarse á vangarda e de poñer, onde antes había desinterese, cada vez máis implicación e, onde antes faltaba concienciación, cada vez máis responsabilidade.

Neste sentido, reiterou o compromiso de ordenar a expansión urbanística e de priorizar sempre a rehabilitación fronte a novas construcións. “Farémolo, por suposto, en primeira persoa, continuando o labor iniciado e convertido xa en referencia, de recuperación do Caso Vello de Vigo; e ademais estendendo a novas zonas o Plan Rexurbe, que xa permitiu comprar e comezar a rehabilitar 40 vivendas nos núcleos históricos de Ferrol Vello, Ourense, a Tinería de Lugo ou Betanzos”, explicou.

Sobre este punto, destacou ademais iniciativas como: o mantemento dos incentivos fiscais aprobados este 2018; a simplificación das solicitudes cunha xanela única; a creación de novas áreas de rehabilitación integral, unha figura de éxito na que Galicia se ten convertido en referencia; e a primeira Lei de rehabilitación de Galicia, que xa está moi avanzada e que se remitirá ao Parlamento antes de que acabe o actual período de sesións.

Así mesmo, e de cara a seguir traballando para que as vivendas sexan máis eficientes, a Xunta continuará axudando ás familias con distintas medidas para renovar fiestras, cubertas, fachadas, ascensores, instalacións eléctricas, caldeiras de biomasa.

Ao respecto, referiuse ao primeiro Ecobarrio en Ourense que xa se está a impulsar, como referente e co obxectivo de que este proxecto pioneiro se poida iniciar nalgunha outra cidade galega antes de que remate esta lexislatura. Máis polo miúdo, anunciou que antes de que remate este ano, esta iniciativa vivirá importantes avances: presentarase o proxecto técnico; remataranse os pregos para as transformacións dos 18 inmobles privados; abrirá a Oficina do Ecobarrio; e, no primeiro trimestre de 2019, comezarán as primeiras licitacións.

Feijóo recordou que o Executivo autonómico leva traballando sen descanso para lograr o completo saneamento das rías galegas nesta década. “Puxemos á disposición de Vigo a depuradora máis grande da historia de Galicia; na ría da Coruña só está pendente rematar dous bombeos para culminar o seu saneamento integral, a falta das actuacións do Goberno central; a ría de Ferrol está saneada, pendente só de que se rematen os traballos na Malata; na ría de Arousa construíronse tres novas depuradoras e proximamente iniciarase a de Rianxo. E a ría de Pontevedra conta xa cun Plan de Saneamento Local, coa previsión de que nos próximos meses se licite un novo emisario submarino e a mellora da depuradora de Praceres. E seguimos á espera da cesión do solo para facer a depuradora de Poio”, precisou.

Por outra banda, e co obxectivo de que os galegos teñan auga en cantidade e calidade, subliñou que, desde 2009, investíronse máis de 1100 millóns de euros en saneamento e abastecemento. Neste mesmo período, fixéronse ademais 300 obras de abastecemento en 186 concellos, 350 obras de saneamento en 165 municipios e 45 depuradoras, “unha liña na que queremos seguir traballando de cara á vindeira década”, sentenciou.

O presidente da Xunta aseverou que este esforzo require tamén concellos e cidadáns comprometidos. Así, para incentivar a reciclaxe, ademais de aprobar neste ano a nova Lei de Residuos, completar a ampliación de Sogama en 2019, ou poñer en marcha a Estratexia galega para plásticos, desde o Executivo autonómico proporase que o canon de Sogama que pagan os concellos se rebaixe nun 10 % para aqueles municipios que certifiquen maior compromiso coa redución e separación dos residuos e sempre e cando repercutan esa redución no recibo que pagan os veciños.

E, en segundo lugar, no relativo ao canon da auga que fixan os concellos, seguirase defendendo que as ordenanzas fiscais municipais premien aos cidadáns que fan un consumo máis racional, “porque non pode dar igual ser responsable que non selo e, por iso, quen menos contamine e menos desperdicie, tamén debe pagar menos”.

Así mesmo, a Xunta proporá ao Goberno central algunhas necesidades urxentes, como declarar o abastecemento de Vigo de interese xeral do Estado, co fin de que se poidan acometer as obras necesarias coa máxima axilidade e coa máxima colaboración das administracións.

Feijóo recordou o paquete de medidas elaborado hai uns meses para responder ante calquera situación excepcional que se poida producir en materia de auga e convidou á Federación Galega de Municipios e Provincias “a prepararnos xuntos”, ofrecéndolle un Pacto da Auga.

En relación a isto, o titular da Xunta transmitiu a posibilidade de replicar nesta materia un modelo semellante ao que se ten con Sogama para os residuos. É dicir, un modelo que garanta un único sistema de subministro e de tarifas para toda Galicia.

En materia de montes, Feijóo quixo poñer en valor o gran esforzo que conxuntamente se fixo nos últimos meses para limpar máis os montes e estar mellor protexidos ante os incendios forestais; o traballo inxente para que das 30 medidas de prevención e acción contra o lume incluídas no Pacto Forestal, 22 están xa cumpridas, e a cifra ascenderá a 28 cando remate este ano; e, por suposto, o labor dos equipos de prevención e extinción.

“Loxicamente, a campaña de lumes aínda non rematou –temos moi recente o ocorrido en Mondariz-, a seguridade ao cen por cento non existe –vímolo en outubro do pasado ano-, e seguimos moi vixiantes, pero cómpre poñer en valor o traballo colectivo de Galicia”, abundou.

Na mesma liña, agradeceu expresamente ao Grupo Popular e ao Grupo Socialista a súa implicación nesta materia, reflectida no apoio a un dos ditames máis importantes desta década: o da Comisión de estudo de incendios e política forestal. E pediu a En Marea e ao Bloque Nacionalista Galego “que non se queden atrás”; que os seus intereses partidistas non lles impidan ver o interese xeral e se sumen ao gran pacto a prol do monte galego e do rural. “Porque o obxectivo non acaba, nin moito menos, en coidar a gran riqueza natural que temos. Hai unha segunda fase coa que temos que implicarnos nos próximos anos todos os galegos: ser capaces de sacarlle rendemento de forma respectuosa e axeitada”, sentenciou.

Diante disto, avanzou que no Consello de mañá aprobaranse axudas para algúns proxectos de mobilidade de terras que poden ser exemplarizantes e servir de modelo para o futuro.

Feijóo incidiu en que o compromiso do Executivo autonómico está garantido e reiterou a petición de apoio do resto dos grupos parlamentarios para, ademais de con recursos, facilitar que o territorio rural se siga movendo cos instrumentos necesarios: en primeiro lugar, coa revisión do Plan Forestal de Galicia tras máis de dúas décadas, para alcanzar un texto de consenso que incorpore as suxestións do ditame ao que se referiu anteriormente. E, en segundo lugar, cun maior impulso ás sociedades de fomento forestal, “que en 2020 esperamos que xestionen unhas 5.000 hectáreas”, pero tamén de calquera outra figura que promova a xestión conxunta, sustentable e diversificada do monte.

Como terceiro aspecto, referiuse á axilización dos procesos de concentración parcelaria, para cumprir o compromiso de pechar en 2020 todos os procesos abertos a día de hoxe (112.000 hectáreas). Así como aos dous mecanismos novos pactados polo Parlamento: a localización e mobilización de predios agrícolas en desuso mediante a inmediata potenciación da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, que verá ampliadas as súas funcións para converterse tamén nun órgano de compravenda da terra agraria; e a creación dos polígonos agroforestais, unha nova figura que facilita a agrupación de fincas cando exista un proxecto de investimento viable.

“É dicir, que cando un investidor queira levar a cabo un proxecto no rural e precise terras, delimitarase un polígono forestal e, ás fincas das que dispoña o promotor, sumaranse as que se atopen ao seu carón mediante procesos de venda voluntaria ou de aluguer obrigado”, explicou.

Feijóo salientou a necesidade de axilizar ao máximo posible todas estas medidas e que, nalgún punto, implica a aprobación dunha Lei de fomento da mobilización da terra produtiva de Galicia, na que o Goberno galego xa está a traballar coa previsión de remitila á Cámara no próximo período de sesións.

Unha Galicia aberta a España e ao mundo. O Xacobeo 2021, unha cuestión de país
O presidente da Xunta resaltou que a Consellería de Cultura e Turismo recentemente creada terá na organización do Xacobeo 2021 o seu principal cometido, contando para iso coa mellor situación turística posible, xa que Galicia é un destino cada vez máis apreciado: máis internacional, con peregrinos de 170 países; máis desestacionalizado; máis recoñecido, como proban os nosos Patrimonios Mundiais, “unha lista á que agardamos que pronto poidan sumarse Cíes-Illas Atlánticas e a Ribeira Sacra, así como o Ferrol da Ilustración”; e máis especializado, “e nos próximos meses esperamos estalo aínda máis a través do Plan de Turismo rural e o Plan enogastronómico”.

Logo de lembrar a posta en marcha de iniciativas como o Plan director do Camiño de Santiago, a renovación da Catedral e do Pórtico da Gloria, o Plan de Rehabilitación dos BICs do Camiño e eventos como o Festival O Son do Camiño, o responsable do Executivo galego fixo fincapé en que o ano santo ten que ser o mellor da nosa historia, “e todos os galegos temos que implicarnos en acadar este obxectivo”.

Xunto a isto, Galicia conta cun sector cultural diverso e dinámico que dá emprego a arredor de 30.000 profesionais, que se verán representados na primeira Estratexia da Cultura Galega que se presentará nas vindeiras semanas.

“O Xacobeo 2021 é unha oportunidade histórica para amosar a nosa forma de ser, de estar e de facer. É o momento para universalizar a nosa mensaxe: Galicia é calidade”, dixo, ao que engadiu que esta non é unha cuestión exclusiva do Goberno senón que “é de país” e por iso debemos deseñalo entre todos.

Con este fin, avanzou que o ano santo será un proxecto aberto: a todos os partidos con representación no Parlamento, e para iso propuxo a creación dun grupo de traballo no que trasladar as achegas. Ao Goberno central, mantendo os compromisos e implicándose na preparación dun Xacobeo que beneficiará o conxunto de España. E a todos os galegos, co lanzamento do espazo O teu Xacobeo, no que todos os veciños poidan facer chegar as súas ideas.

“En definitiva, a Galicia aberta que inspirou e segue inspirando o espírito xacobeo é o noso modelo”, sentenciou, facendo fincapé en que a cultura non pertence a ningún goberno, partido ou ideoloxía.

Ao respecto, referiuse á necesidade de protexer e difundir aos autores e artistas galegos, históricos e contemporáneos, a través da creación do Legado artístico de Galicia.

Máis Europa, máis España, máis Galicia
Dentro do contexto nacional e internacional, Feijóo afirmou que máis Europa, máis España, máis Galicia, son os tres vértices do modelo galego de autogoberno “que nos propoñemos afianzar”, xa que Galicia será tanto máis forte canto o sexan España e Europa, da mesma maneira que unha España e unha Galicia estables reforzan a Unión Europea.

Nesta liña, afirmou que é hora de dicir que o independentismo non ataca a unha España centralista, senón a unha España democrática, plural e autonómica na que queren convivir a maioría dos cataláns. “E, nese conxunto nacional está Galicia e, polo tanto, os dereitos galegos están sendo igualmente agredidos”, matizou, sostendo que ningún Goberno circunstancial pode negociar o que é a cerna do Estado.

Despois de expresar a inquedanza que produce que o Goberno da Nación sexa un Executivo atado por compromisos opacos, hipotecado por acordos que se descoñecen e dependente do independentismo, o titular da Xunta considerou que, ante unha posible reforma da Constitución, non é axeitado embarcar ao país nun proceso tan arduo sen coñecer a ruta, o destino e a tripulación.

“E tampouco me gusta que se mesture este tema coa idea de que o Estado das Autonomías fracasou, por máis que sexa mellorable e adaptable grazas precisamente á súa flexibilidade”, dixo, recalcando que, no debate territorial, as preguntas do Goberno galego serán teimosas: cal é o interese de Galicia?; garántese a cohesión?; confunde diferenzas naturais con privilexios?; debilítase ou fortalécese España como espazo democrático compartido?.

Ao longo da súa intervención, Feijóo incidiu en que co seu modelo afectuoso e firme, que non precisa inventar constantemente querelas para manterse en pé, a Comunidade sitúase coa democracia, coa estabilidade, coa apertura e coa identidade que nos aproxima aos outros, afastándose dos modelos inestables, das políticas frívolas e dos políticos que disimulan o seu medo a gobernar a realidade con ficcións que levan á pobreza, á división e á frustración.

“Os galegos preferimos o respecto e a convivencia, a coherencia e o compromiso”, abundou, incidindo en que esa liberdade é, hoxe, máis necesaria que nunca, non só para afastarnos de modelos alleos que son destrutivos senón tamén porque xorden correntes que pretenden polarizar o noso xeito de ser.

Ao respecto, aseverou que nin aqueles que afirman que o castelán desapareceu de Galicia, nin aqueles que queren impoñer o galego coñecen realmente Galicia. “As galegas e os galegos escribiron nestes anos de liberdade autonómica o seu propio modelo, baseado na cordialidade e na moderación”, abundou.

Sobre este punto, defendeu a necesidade de seguir mellorando as competencias lingüísticas dos galegos, especialmente en habilidades de escrita, para que esta liberdade poida facerse efectiva. Para tal fin, a Xunta está a facer unha importante aposta para que os certificados Celga —e a formación necesaria para obtelos— poidan obterse en liña. Non obstante, recordou que máis do 97% dos galegos entende o galego e pode falalo e lelo, a mellor cifra da nosa historia.

Para seguir promovendo o seu uso, especialmente entre a mocidade e no ámbito urbano, o titular autonómico referiuse ademais a posta en marcha dunha innovadora campaña de promoción en festivais de verán “e seguimos traballando no ámbito empresarial”.

Consciente de que para que a Comunidade sexa completamente libre é necesario seguir traballando nun eido que aínda nos condiciona: a violencia machista, Feijóo fixo fincapé en que o pacto lanzado a nivel nacional “convócanos a todos” para seguir traballando.

Sen ir máis lonxe, sinalou que o vicepresidente acudirá a próxima semana ao Senado en representación de todas as comunidades por este tema. “E ademais de defender a nosa posición, tamén seguiremos actuando”, dixo, destacando a posta en marcha de máis instrumentos para as vítimas, como as Oficinas de Atención e unha quenda de oficio de psicólogos; dun programa de axudas aos menores de 25 anos que sufran esta lacra. E tamén máis programas de educación aos mozos e un Plan contra as agresións sexuais para que todos os homes entendan que “non significa non”.

Afastado dun estilo de goberno consistente en facer que se fai, o responsable do Executivo autonómico comprometeuse a seguir defendendo Galicia, desde a responsabilidade e baixo o convencemento de que non hai maior honra que servila, tratando sempre de mellorala, pero respectando como é e preservando a súa liberdade. E reivindicou a política que antepón os intereses xerais por riba dos partidistas ou das ambicións persoais e os espíritos das Transicións española e galega, así como a figura de Xerardo Fernández Albor.

Ao respecto, recordou que “a Transición española e galega é a orixe e a causa de que hoxe esteamos aquí celebrando o Debate sobre o Estado da Autonomía, nunha España libre e democrática e nunha Galicia con capacidade de decidir sobre o seu propio futuro. Nunha Galicia con máis autogoberno que nunca; con cada vez máis prestacións públicas a disposición de todos os cidadáns e con máis retos e metas de futuro”, concluíu.

9 de outubro de 2018 | 16:22 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario