publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Ethel Vázquez destaca que o investimento dun millón de euros na seguridade viaria da estrada Reme-Vilamar facilita o día a día dos veciños de Ribadeo e Barreiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBarreirosLocal PortadaLugoPortada dereitaRibadeo
A-
A+
Ethel Vázquez na visita a Ribadeo

Ethel Vázquez na visita a Ribadeo

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, supervisou hoxe o remate das obras na estrada LU-133, entre Reme e Vilamar, nos concellos de Ribadeo e Barreiros. Unha actuación que, tal e como destacou, cun investimento de máis de 1 millón de euros, ten por obxectivo reforzar a seguridade viaria e facilitar o día a día dos veciños, incidir na súa calidade de vida e potenciar o desenvolvemento económico e social destes municipios.

A titular do departamento de Infraestruturas, xunto co delegado Territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, desprazouse hoxe ata Ribadeo para comprobar in situ o resultado dos traballos de mellora do firme levados a cabo nesta estrada, que comunica os concellos de Barreiros e de Ribadeo, e que benefician tamén aos veciños de Trabada e Lourenzá.

Explicou que a actuación, que se iniciou a principios de agosto, adiantouse respecto aos prazos previstos, de 4 meses de execución. E, segundo indicou, actuouse sobre dous treitos desta estrada que suman 12 km, nos termos municipais de Ribadeo e de Barreiros. En concreto, dixo, se traballou entre a intersección coa estrada a Trabada e a entrada de San Vicente, e entre o cruce coa estrada que vai a Ribadeo e o da N-640.

Sinalou que os traballos realizados incluíron a extensión dunha nova capa de rodadura e a reposición de sinalización, así como a instalación de captafaros reflectantes e a colocación e renovación de barreiras de seguridade onde foi necesario.

Salientou que esta nova actuación de mellora da seguridade viaria na estrada LU-133, entre Reme e Vilamar, súmase á xa realizada hai aproximadamente dous anos, no reforzo de firme do treito inicial desta vía, na que a Xunta investiu 480.000€. E avanzou que este intervención verase completada cunha nova actuación de mellora do firme, neste caso, á altura do lugar de San Vicente, á que se destinarán uns 50.000 €.

Deste xeito, referiu a conselleira, na mellora e reforzo da seguridade viaria desta estrada Reme-Vilamar, na que se actuou practicamente en todo o seu percorrido, no seu conxunto a Xunta leva investido, 1,5 M€.

Subliñou que estas actuacións responde ao obxectivo prioritario marcado no Goberno galego de conservar a rede de estradas da Xunta en óptimas condicións, co fin de reforzar a seguridade viaria de todos os usuarios e de proporcionarlle aos veciños vías máis cómodas e seguras para os desprazamentos do día a día.

Afirmou que a seguridade viaria é prioritaria para a Xunta, e por iso é tan importante executar novas estradas como conservar en bo estado as existentes. E incidiu en que esta actuación é un exemplo dos importantes esforzos da Xunta en materia de conservación, para manter os 5.500 km de estradas autonómicas en boas condicións.
Vázquez Mourelle lembrou que ademais de realizar tarefas de conservación ordinaria, o departamento de Infraestruturas da Xunta ten en marcha un Plan de Reforzos de Firme para mellorar máis de 1.000 km de vías autonómicas.

Un Plan de reforzos de firme que desde o ano 2016, tal e como destacou, ten suposto na provincia de Lugo un investimento próximo aos 13 M€ para o reforzo da seguridade viaria en 30 estradas da provincia. Entre elas, actuacións que avanzou van tamén a acometerse de maneira inmediata, na mellora do firme no vial Viveiro-Cabreiros, ás que engadir as actuacións xa comezadas na estrada entre Riotorto e Vilameá e a autovía Ferrol-Vilalba no treito da provincia de Lugo.

15 de outubro de 2018 | 16:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.