publicidade hoxe

Educación concede 68 premios fin de carreira, un 33% máis que o ano anterior

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución da convocatoria dos premios fin de carreira para o alumnado que rematou os seus estudos no ano 2017 nas universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG), pola que se conceden 68 galardóns, un 33% máis que o ano anterior. A Xunta de Galicia destinou a esta convocatoria un orzamento de 222.000 euros.

Por universidades, a que máis galardoados conta é a de Santiago de Compostela, con 30, seguida da de Vigo (27) e da da Coruña (11). No referido ás titulacións que tiveron máis dun estudante galardoado foron, con tres premios cada unha, Enfermaría, Medicina, Dereito, Educación Infantil e Educación Primaria; e, con dous premios cada unha, Administración e Dirección de Empresas e Relacións Laborais e Recursos Humanos. Cabe salientar que se concede por primeira vez este recoñecemento a dúas persoas que cursaron unha simultaneidade de graos na opción pola que optaron, en concreto en Dereito e Administración de Empresas (na opción de Dereito) e en Turismo e Ciencias Empresariais (opción de Turismo).

Do total de galardoados 46 son mulleres e 22 homes. En canto ás puntuacións, a mellor nota foi a dunha titulada en Matemáticas na USC, Erika Díaz Pita, seguida de Alipio Santiago Dacosta (Filosofía na USC) e de Yosua Martínez Rodríguez (Dereito na UDC).

Estes galardóns teñen como finalidade recoñecer o traballo, esforzo e excelencia das mellores traxectorias académicas dos estudantes das universidades galegas. Así, ademais do premio económico de 3.000 euros, os galardoados recibirán un diploma acreditativo desta distinción, o que supón un importante recoñecemento institucional e un valor engadido para o seu currículo. A relación de premiados pode consultarse na seguinte ligazón: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20181023/AnuncioG0534-151018-0006_gl.html .

Novidades desta convocatoria

Por primeira vez este ano o número de premios vén determinado polo número de persoas egresadas na mesma titulación. Deste xeito, aquelas con ata 199 persoas optaron a un premio, as que tivesen entre 200 e 299 a dous e as que contasen con 300 ou máis persoas optaron a tres premios.

Puido solicitar estes premios o alumnado universitario que cursase de forma íntegra os estudos da titulación pola que opta ao premio nas universidades do SUG, e que teña acadado unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 8’5 puntos, para o alumnado das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde; e a 7’5 puntos, para o alumnado da rama de Enxeñaría e Arquitectura.

23 de outubro de 2018 | 16:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.