publicidade hoxe

Economía e Emigración achegan a 300 empresarios galegos de Venezuela as oportunidades de investimento existentes en Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+
Miranda na reunión cos empresarios emigrantes

Miranda na reunión cos empresarios emigrantes

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o xerente da Oficina de Atracción de Investimentos GaliciaINVEST do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Leopoldo Yeste Sánchez, veñen de rematar a xira que os levou a varias das principais cidades de Venezuela para expoñer aos empresarios galegos as oportunidades de investimento que ofrece Galicia de cara ao retorno.

Nas diferentes reunións mantidas cunha parte fundamental do tecido empresarial galego, Miranda e Yeste achegaron as posibilidades reais con sede na comunidade autónoma a preto de medio milleiro de potenciais investidores. As xuntanzas, celebradas en Valencia e Caracas, congregaron arredor dun cento de empresarios interesados na diversificación ou traslado dos seus negocios no primeiro caso, e a preto de 200 no da capital venezolana, o que deixa un balance “máis ca positivo” da viaxe conxunta ao país suramericano.

“O interese amosado cada día con máis consistencia por empresarios de varios países de Latinoamérica, e moi especialmente de Venezuela, medra a medida que as situacións económicas e sociais dos seus gobernos se complican cada día máis”, salientou Miranda, “e parte do noso compromiso cos galegos do exterior é ofrecerlles unha alternativa viable e real ás súas demandas”.

Visitas a entidades para maiores galegos sen recursos

Miranda aproveitou a súa estancia na Hermandad Gallega de Caracas para visitar o Centro de Día que acubilla e reunirse cos seus responsables e usuarios. A continuación, desprazouse á oficina de Bienestar e Asuntos Sociales que se atopa nas instalacións do complexo caraqueño, entidades sociais ambas coas que colabora economicamente a Secretaría Xeral da Emigración para a atención dos galegos sen recursos residentes no país suramericano.

A axenda oficial do secretario xeral da Emigración rematará coa asistencia á reunión do Padroado da Fundación España Salud, que se celebrará na sede da entidade. A continuación, Miranda manterá un encontro coa directiva e os socios da Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas, que aglutina máis da metade dos galegos que residen no país.

Posibilidades de negocio na comunidade autónoma

Entre as 20 medidas do ámbito económico e laboral incluídas na Estratexia Retorna 2020 (formada por un total de 52) do Goberno galego destacan varias dirixidas ao investimento en Galicia, como a creación dunha liña de apoio propia para os emigrantes retornados, ao igual que existen liñas sectoriais ou con clústers; o acceso aos medios a aqueles galegos que teñen unha pequena empresa no seu país de acollida para o seu traslado a Galicia, incentivando o seu establecemento no rural; accións de fomento do retorno de empresarios e grandes investidores galegos do exterior, ofrecéndolles oportunidades de investimento na Galicia territorial; a celebración de roldas de financiamento, como ‘Business Angels’, daqueles proxectos de emprendedores con máis posibilidades de saír adiante e que busquen liñas de financiamento; e propostas de investimento ás empresas galegas que estean en proceso de ampliación do seu accionariado, entre outras.

Ademais, a Secretaría Xeral da Emigración ten en marcha as Axudas ao Retornado Emprendedor, cuxo prazo de solicitude vén de ser ampliado ata o vindeiro 31 de outubro, que outorgan ata 10.000 euros aos emprendedores galegos que retornaran durante os dous anos anteriores a Galicia. O Goberno galego está a fomentar, a través da Estratexia Retorna 2020, tanto a contratación de traballadores coma a creación de autoemprego para emigrantes galegos retornados.

Aos programas da Consellería de Economía, Emprego e Industria que regulan as axudas para impulsar o inicio da actividade para autónomos e as destinadas a favorecer a contratación indefinida de traballadores en empresas de autónomos, hai que engadir as axudas que concede para impulsar a contratación nas pemes e para a consolidación do emprego nas pequenas empresas tecnolóxicas e de nova creación.

Tamén o programa de incentivos á contratación na empresa ordinaria aumenta a contía dos beneficios no caso de tratarse de emigrantes galegos retornados, colectivo ao que se presta especial atención tamén noutras iniciativas do Goberno galego de carácter social, como a Tarxeta Benvida; de formación, como as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) ou as do ciclo superior de Formación Profesional; de retención do talento investigador; ou de cara ao acceso a unha vivenda.

2 de outubro de 2018 | 17:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.