publicidade hoxe

Covadonga Toca: “a formación é o camiño para acadar un emprego inclusivo e acorde ás demandas do tecido produtivo”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Ferrol na clausura do networking Rompendo metas organizado pola Fundación Once e a asociación de empresarios Ferrolterra, onde sinalou que a formación é o camiño para acadar un emprego inclusivo verdadeiro e acorde ás demandas do tecido produtivo.

Durante o encontro, a secretaria xeral agradeceu o labor que desenvolven entidades como a Fundación Once e destacou que o Goberno galego traballa para conseguir a plena igualdade impulsando a formación entre as persoas con capacidades diferentes e promovendo que as empresas aumenten a contratación das persoas con máis dificultades para atopar un emprego.

Toca incidiu en que o emprego é unha ferramenta esencial para avanzar no camiño da inclusión e lembrou que a Xunta destina este ano un total de 14,6 millóns de euros a programas específicos para o emprego das persoas con discapacidade.

En concreto, resérvanse 12,4 millóns de euros para apoiar os centros especiais de emprego e os postos de traballo das 2500 persoas con discapacidade dos 107 centros galegos. Tamén permitirá crear 40 empregos indefinidos e financiar a contratación de 60 traballadores das unidades de apoio.

Por outra parte, o Goberno galego reforzou este ano o programa de apoio para a formación e contratación de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social nas empresas galegas destinando en global un millón de euros. A iniciativa incluíu dúas liñas de actuación: axudas para o emprego con apoio e para a formación e contratación a tempo parcial, dando resposta a unha demanda deste colectivo.

O programa de incentivos á contratación a tempo parcial conta este ano coa posibilidade de acceder a un bono de formación opcional para as compañías de 1000 euros por cada persoa contratada. A Consellería de Economía, Emprego e Industria financia con 2000 euros cada contrato sempre e cando a duración mínima sexa de 6 meses. Esta cantidade aumenta un 25% se a persoa contratada é muller, maior de 45 anos ou emigrante retornado e no caso de que o centro de traballo estea emprazado no rural. Polo tanto, a axuda pode alcanzar os 4000 euros.

Esta iniciativa complementa ao programa da Xunta destinado á contratación a tempo completo das persoas con discapacidade nas empresas galegas que conta cun orzamento de máis de 1,2 millóns de euros.

A Xunta con estas actuacións consolida a súa aposta polo emprego inclusivo no que traballa cun reto principal: mellorar as condicións de empregabilidade dos galegos e galegas, dando resposta ás persoas que teñen máis dificultades para atopar un emprego.

25 de outubro de 2018 | 16:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.